quinta-feira, 28 de maio de 2009

A memoria, garatía de futuro para a humanidade





Fotografías de Abel García


Por Josep Antoni Durán i Lleida
Portavoz de CiU no Congreso dos Deputados
.
A visita aos campos de exterminio nazis convértese, inevitablemente, nunha das experiencias máis sobrecolledoras que pode experimentar calquera ser humano. Cuestiona, nun instante, toda a fe no progreso ou na decencia da humanidade e así mesmo demostra cuán cerca estamos da brutalidade máis primitiva, ate no corazón mesmo da supostamente culta e civilizada Europa. Nomes como Treblinka, Mauthausen, Oranienburg ou Auschwitz erixíronse en sinónimos de horror e de vergoña, e non é estraño que ante os mudos e elocuentes restos de tanta atrocidade, o propio Papa Benedito XVI se preguntase onde estaba Deus neses momentos. Sen que nada nin ninguén mitigue a dor, veñen ao recordo as palabras de Hannah Arendt contidas no seu libro "Eichman en Jerusalem", cando afirma que as accións de resistencia pacífica do pobo danés ante as leis e a persecución antisemita dos nazis deberían ser explicadas en todas as facultades de ciencias políticas do mundo como exemplo da forza da resistencia pacífica e do poder dos valores éticos. Baste só recordar que o rei Cristian X quixo ser o primeiro cidadán danés que levara a estrela amarela cosida na manga do seu brazo no caso de que as persoas de orixe xudía de Dinamarca fosen obrigadas a iso. É obvio que o heroico comportamento do pobo danés merece ser destacado polo seu carácter excepcional. Se as restantes nacións actuasen do mesmo xeito, a tolemia exterminadora nazi non tería chegado a tales extremos a pesar de que non existe gradación para o horror. Pero o que fai aínda máis remarcábel o eloxio non é o carácter único da acción, senón o seu valor exemplarizante e ético. Por iso resulta especialmente digno de homenaxe, porque serve de lección para o resto da humanidade.
.
En 1945 a evidencia do Holocausto conmocionou a todas as conciencias. Custaba entender que aquilo fose posíbel, de xeito súbito, nas terras iluminadas durante séculos polo máis refinado da cultura occidental, a mesma que alumara a Kant, Beethoven ou Goethe. O Holocausto demostra que a humanidade non está inmunizada contra a barbarie máis atroz, a cal, dun xeito ou doutro aniña en nós mesmos e pode estalar se concorren circunstancias propicias. Non se trata de perder a fe no ser humano, pero si de saber o perto que estamos a miúdo de perder a alma. E o sobrecolledor testemuño de quen sobrevivira nos campos de exterminio foinos recordando durante décadas a pouca distancia que en nós mesmos separa ao bruto do bo samaritano. Con todo, pronto o Holocausto, pola súa distancia no tempo, parecerá só unhas liñas nos libros de historia. Unha cuestión só lembrada por doctos historiadores e sen ramificacións nos nosos días. Cada sobrevivente que desaparece é unha voz e unha advertencia que se extinguen, e chegamos a extremos en que algúns neobrutos negan o obvio, o terxiversan e o manipulan. Sesenta e tres anos despois, cada vez son menos as testemuñas directas e cada vez a traxedia, por afastada, semella menos grave. Pronto, por ineludibles razóns biolóxicas, ninguén poderá falar do Holocausto en primeira persoa, cando o certo é que este despropósito debe ser recordado polos tempos dos tempos.
.
Só o recordo pode vacinarnos contra a hipotética repetición de feitos semellantes. Mentres gardemos a memoria da Shoah, sempre poderá existir alguén capaz de advertir das consecuencias letais da tolemia; sempre haberá alguén que poida facer reflexionar aos demais. O recordo non nos exime de novos erros, pero actúa como unha vacina capaz de xerar anticorpos e evitar males maiores dos cales non estamos demasiado lonxe. As atrocidades nos Balcáns atopábanse, en referencias actuais, a tiro de pedra dos antigos campos de exterminio nazis. As matanzas étnicas en Ruanda demostran que o horror pode aparecer en calquera momento. Anos antes, Camboia tamén viu desaparecer millóns e millóns de persoas pola tolemia desatada duns dirixentes asasinos. Se o home está preparado para aprender dos seus erros, a memoria é o único remedio para facelo posíbel. Máis aínda no que incumbe ao Holocausto, cuxo horror non dá marxe nin á subxetividade nin á interpretación. Non é unha historia de "menos bos" contra "menos malos", nin unha historia que dependa da mirada subxectiva do espectador. Auschwitz-birkenau está aí, eu estiven, xunto a seis millóns de seres humanos que foron exterminados non xa por razón do que fixesen, senón unicamente por razón da súa raza. Por iso o Holocausto exempli fica a brutalidade levada ao seu maior extremo: non foi unha loita entre exércitos rivais; non foi o resultado dunha matanza entre bandos rivais; non foi consecuencia nin dos feitos nin da opinión nin das opcións das vítimas. Foi a tolemia no seu grao sumo, nítida, aberrante, atroz, inhumana, incomprensíbel. A memoria de canto aconteceu debe ser preservada en toda a súa intensidade.
.
Non basta só cun sobrecolledor museo en Jerusalem, senón que debe ser preservada nos libros, nos xornais, nas universidades e nos colexios, en todo ámbito de formación, de convivencia e de socialización humana. A opinión pública non pode descoñecer e menos aínda esquecer o que pasou, nin a comunidade pode permitirse a existencia de grupos aparentemente insignificantes que o neguen ou o desvirtúen. Para ser humanos, para garantirnos unha mínima esperanza de humanidade, debemos conservar a memoria daqueles momentos en que non o fomos. Para garantirnos o valor de loitar contra a inxustiza e contra a barbarie, debemos manter o recordo daqueles tempos en que fomos débiles e calamos, en que fomos xordos e cegos mentres os nosos irmáns eran sacrificados. Só o carácter exemplar da memoria pode redimirnos de novos erros.