quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009

O BNG e o recorda das vítimas do Holocausto. Por Pedro Gómez-Valadés


Por Pedro Gómez-Valadés

.
O día internacional de recordo das vítimas do holocausto é un día instaurado por Nacións Unidas no ano 2005 co obxectivo de honrar aos millóns de mortos que o delirio hitleriano provocou no corazón da nosa Europa na metade do século pasado. Di textualmente a resolución 60/7 que dá orixe ao día: “A Asemblea Xeral decide que as Nacións Unidas designen o 27 de xaneiro como Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto”. Pode un concordar ou non coa necesidade da data, mais o que ninguén honestamente pode afirmar é que o sentido do día, da conmemoración, estean minimamente confusos. Memoria das Vítimas do Holocausto. 27 de Xaneiro. O día en que as tropas soviéticas entran no horror do campo de exterminio de Auschwitz. Non é preciso ser deputado para decatarse da claridade.Desde o ano 2005 infinidade de foros no mundo democrático instauraron a data como recordatorio do que aconteceu e non debe volver suceder. Lembremos que non hai moitos anos a poucas horas de voo desde Galiza, na nosa civilizada Europa, asistimos nos Balcáns a episodios xenocidas que fixeron rememorar tempos que algúns pensaban definitivamente superados. Sbrenica deixou claro que a didáctica democrática nunca é dabondo á hora de neutralizar posíbeis crimes contra os dereitos humanos por moi próximo que estea o lugar da nosa sala de estar.
.
Cando no ano 2007 desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) presentamos aos tres grupos parlamentares na cámara galega a petición de que o noso Parlamento se sumase ás celebracións do día, a resposta foi magnífica e rápida. Malia o período non hábil, a Presidenta Dolores Villarino trasladou a proposta aos tres grupos que en Deputación permanente subscribiron unha solemne declaración institucional que colocou ao noso Parlamento á altura dos da nosa contorna.A nosa decepción e sorpresa veu cando este ano 2008, cunhas previas semellantes para un día que conmemora o asasinato industrial de millóns de seres humanos, e cando dous dos grupos parlamentares, PPdG e PSdG-PSOE estaban decididos a aprobar este ano tamén unha declaración institucional, o G.P. do BNG co señor Carlos Aymerich na portavocía optou sorprendentemente por vetar, por imposibilitar o acordo e así boicotear a posibilidade de que por unanimidade a nosa cámara galega emitise, este ano tamén, un recordatorio en homenaxe ás vítimas do holocausto nazi, centos delas galegos e galegas republicanos mortos tamén en campos de exterminio.
.
A escusa posta polo GP do BNG foi que a data non debera esquecer as violacións dos dereitos humanos que a día de hoxe se cometen. Que o BNG non presentase ningunha proposta en ningún sentido até recibir a petición da devandita declaración, amosa a falsidade do argumento. A insistencia “innegociábel” en palabras do propio Sr. Aymerich de que a declaración fora metade recordatorio vago e confuso do holocausto e metade condena firme ao estado de Israel hoxe, imposibilitaron o acordo necesario das tres forzas parlamentares. Seica o BNG e como coartada para tentar xustificar o inxustificábel, manifesta que non podía aprobar ningunha declaración sen que incluíra unha condena explícita das políticas actuais do estado de Israel. É lexítima calquera crítica que o BNG queira formular. E o BNG soberano para manifestar o que así considere sobre este e calquera outro conflito. Pero insistir no caracter “innegociábel” da súa proposta co argumento dos dereitos humanos hoxe, resúlta dun patetismo sumo.
.
Se fora verdade o manifestado como torpe desculpa polo BNG, no recordatorio das violacións de dereitos humanos no mundo deberan aparecer infinidade de casos flagrantes como os milleiros de homosexuais executados pola súa condición na república islámica de Irán. Os milleiros de monxes literalmente desaparecidos diante das cámaras de TV na ditadura militar birmana. Os centos de miles de desprazados ou directamente asasinados en Darfur. Os centos de presos políticos na Cuba castrista. O xenocidio brutal ao que é sometido o pobo tibetano por parte da China olímpica. A lenta agonía nos campos de refuxiados dos saharauis esquecidos de todos. Pero non, o BNG decidiu responsabilizar con efectos retroactivos aos millóns de vítimas xudeas do Holocausto en virtude da súa “culpa” na non resolución do conflito árabe-israelí 60 anos despois dos fornos crematorios.Puido o BNG aprobar a Declaración solemne institucional de recordo das Vítimas do Holocausto nazi. Si. Tiña o BNG a posibilidade de presentar unha e dez resolucións separadas para condenar a política actual do Estado de Israel. Si. Pero a realidade foi que o BNG imposibilitou o acordo e deixou sobre o noso Parlamento, sobre a nosa casa común de galegas e galegos a vergonza dunha actuación miserábel que non ten xustificación honrada posíbel. Cantos millóns de mortos serían necesarios para que o BNG se sumase sen ambiguedades á condena?

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.