UN NÚMERO
Ramiro Fonte
Ramiro Fonte
Marca ese número de teléfono
(É unha tatuaxe
Que o vello leva aínda inscrita no seu brazo)
9 8 2 8 8
Nove, oito, dous, oito, oito.
Descolga o aparato: un deses negros
E pesados teléfonos dos anos das posguerras,
É dicir, da túa infancia
E antes de remexer nos cinco números
Oito, oito, dous, oito, nove
***
E de multiplicalos por centos de milleiros,
Como se así tratases de comprender nas cifras resultantes
Toda a magnitude da traxedia,
Marca ese número,
Tatuado no brazo deste vello,
Que cho amosa un instante
Por se ti non quixeses comprender;
Que vai interrogarte
Cos seus ollos azuis,
aínda moi vivos,
Por se ti dubidadas.
***
Antes de xogares á cábala cons cinco Números;
co nove, cos tres oitos,
Que entre eles enlean a cadea,
Co preguiceiro dous que, inconformista, a rompe,
Para así convencerte de que a roda
Do azar rexe o destino, por iso onda ti chega esta sombra errante,
Incómoda dalgún sobrevivente,
***
Volve cravalos no antebrazo do home,
Logo na túa memoria, e marca o número,
Nesa circunferencia na que xira
Toda a historia do século
9 8 2 8 8
***
De certo que a chamada soará
Nun lugar moi estraño
(Hoxe xa debe ser unha vila de tantas
Da lonxana rexión, cos seus vellos felices,
Algo desmemoriados,
Que amorean a leña cortada xunto á casa
Para pasar o inverno, e cos seus nenos loiros
Que asistirán á misa dos domingos),
***
Nese lugar ó que chamaron Auschwitz
E que todo poeta
Semella ser consciente do arriscado que é
Escribilo nos versos, aquelarlle unha rima
Con algunha palabra das que son inocentes,
***
Nunha branca oficina case espida:
Hai na parede un mapa coas cambiantes fronteiras,
Un deses arquivadores de metal,
E do teito pendura
A lámpada morta que abanean
Os ventos que se coan
Por unha ventá cos cristais escachados
E tamén unha mesa
Cuberta, xa non sei, se de poeira ou cinza,
***
E enriba desa mesa, si,
Enriba desa mesa
O teléfono negro
Non deixa de soar, porque ninguén
Chegará a descolgalo.
(inédito)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.