sábado, 19 de setembro de 2009

LIBERDADE DE EXPRESIÓN OU APOLOXÍA DO TERROR


Por Reyes Mate, filósofo e investigador do CSIC
El Periódico de Catalunya - 19/09/09
.


O anuncio, aparecido nun xornal madrileño, dunha entrevista con David Irving, presentado como «gran experto e investigador» do Holocausto xudeu, volveu a pór sobre a mesa que facer co negacionismo, é dicir, con quen negan a existencia do xenocidio do pobo hebreo perpetrado polos nazis. Aquel horror estivo precedido por ideas que trivializaban a morte do xudeu, estimado de raza inferior, e seguido por ideas que negaban que aquilo ocorrese. Sen esas ideas e sen a indiferenza da opinión pública europea respecto delas, o crime contra a humanidade, executado nos campos de exterminio, non tería lugar. Por iso soa a alarma cada vez que alguén as repite, sobre todo en lugares con gran resonancia pública. David Irving é un autocualificado "historiador" británico en liberdade condicional, tras cumprir dous terzos da condena imposta por un tribunal austriaco.
.
Delito? Afirmar, por exemplo, que as cámaras de gas de Auschwitz-Birkenau foron instaladas despois do final da guerra como atracción turística, é dicir, nega o Holocausto. Irving será historiador de profesión, pero «gran» historiador ou «experto» nestes asuntos non o é. Que o Consello da Unión Europea aconselle aos estados membros que consideren delito a opinión negacionista indica que estamos ante un tipo de opinión moi especial. A mesma Europa que conquistou con sangue a liberdade de opinión pide agora que se persigan determinadas opinións.
.
De que opinións estamos a falar? Non das relativas a feitos históricos porque estes son sinxelamente innegables. Imaxinemos que alguén negase a segunda guerra mundial ou a guerra civil española. Ninguén o tomaría en serio e, se se presenta como historiador, diriamos que é un farsante. Non habería institución respectable que incluíse entre os seus relatores ou articulistas a alguén que defendese a tese de que esas guerras só existiron nas mentes dalgúns novelistas ou nas pantallas de cinema. O certo é que xente como David Irving son convidados a congresos ou solicitadas as súas opinións en calidade de «expertos». O que interesa deles, neses casos, non é o absurdo da negación dos feitos, senón a súa interpretación, a saber, que o nazismo non foi xenocida e que o (pouco) que lles puido ocorrer aos xudeus tíñano merecido. Nada como banalizar os feitos para concluír exculpando aos asasinos e privando de significación ás vítimas.
.
Esa estratexia interpretativa carrexará, é verdade, o descrédito entre os historiadores, pero terá ao seu favor o crédito dos antisemitas. O delito non é a opinión, senón o efecto político que se persegue cunha opinión absurda e que só é tomada en serio por esa connotación política e moral, a saber, xustificar o crime. Por estas razóns o negacionismo non é un asunto que se teña que resolver no negociado da liberdade de opinión, senón no da exaltación do crime como arma política. Ese é o convencemento que subxace á recomendación da Unión Europea, desatendida certamente polo Tribunal Constitucional español que non o considera delito. Cando se fala de feitos, en relación ao Holocausto xudeu, hai que ter presente unha dificultade específica que non se dá noutros xenocidios. O proxecto nazi de destrución dos xudeus propúñase non só acabar fisicamente cos xudeus, senón tamén non deixar rastro, nin pegada, para que no futuro non houbese memoria dos feitos. Aínda que o proxecto levou a cabo -por iso o Tribunal de Nürenberg sentenciou que se produciu un crime contra a humanidade- o certo é que Hitler foi vencido e non puido consumar o proxecto.
.
Non puido borrar todas as pegadas nin eliminar a todas as testemuñas. Por iso sabemos tanto. Non todo, desde logo, porque, como dicía Primo Levi, os que apuraron o cáliz do horror non volveron para contalo, ou enmudeceron en vida como os famosos «musulmáns» dos campos de exterminio. Podemos negar a angustia dos que morreron nas cámaras de gas porque non hai testemuñas que o poidan contar? A derrota de Hitler permitiunos coñecer moito, porque no seu delirio triunfalista tomaron nota de todo, pensando administrar eles sós no futuro o segredo da barbarie. Pero hai un silencio de feitos que tiveron lugar e dos que non hai memoria. Iso non pode levar ao negacionismo, senón a valorar aínda máis os feitos narrados polos sobreviventes. Así, os negacionistas son os únicos que viven coma se o proxecto de esquecemento triunfase, coma se Hitler non fora vencido. Son vítimas das súas propias ilusións. Se o que nos preocupa é a información histórica, non deberiamos perder nin un minuto con estes estafadores intelectuais. O preocupante é o xogo que se lles dá e o eco que atopan. David Irving xa veu a España, convidado por Fuerza Nueva e a libraría Europa de Barcelona, coñecido centro de propaganda neonazi. O eco de resonancia do neonazismo é a ultradereita e quen se empeñan en darlles xogo ou son claramente antisemitas ou inxenuos que non descubriron que o problema non é a liberdade de expresión, senón a apoloxía do terror.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.