quarta-feira, 3 de fevereiro de 2010

Pensad que esto ha sucedido. Grupo Eleuterio Quintanilla


Por Diana Priegue Caamaño*
Revista Galega de educación - Núm. 44 • xuño 2009
http://www.equintanilla.com/documentos/revistagalega.zip

.
O Grupo Eleuterio Quintanilla está composto por docentes dos diversos niveis da ensinanza pública e leva máis dunha década traballando, entre outros aspectos, na análise e elaboración de materiais curriculares a prol da aceptación da diversidade e o rexeitamento de calquera discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión ou outra condición ou circunstancia persoal ou social. Nesta mesma liña se sitúa a nova publicación do Grupo, a través da cal os seus autores pretenden, na medida do posible, contribuír ao estudo do Holocausto dende a escola. Neste sentido, debemos ter en conta que a contribución da pedagoxía ao estudo das causas e consecuencias do nazismo foi máis ben escasa e, unicamente, dende a Educación para a Paz se teñen realizado algúns traballos con tal finalidade. “A necesidade e importancia da temática abordada neste libro”, con estas palabras comeza o recentemente falecido Suso Jares o prólogo deste libro facendo referencia á escasa relevancia que ata o momento se lle ten outorgado a esta temática. Un libro que, como os propios autores sinalan, ten sentido pola escasa cultura que existe no noso país sobre un dos acontecementos centrais da Europa do século XX e vixente aínda nos nosos días.
.
Lembremos, por exemplo, as continuas invitacións dos medios audiovisuais a revivir aquela tremenda realidade. O Holocausto, retomando novamente palabras dos autores, constitúe unha gran oportunidade para que dende as escolas os docentes poidan traballar na construción da cidadanía, unha cuestión que coa aprobación da LOE (máis aló dos debates políticos que neste sentido se teñan xerado) se ten convertido nunha das prioridades do sistema educativo do noso país. Atendendo á organización da obra, o primeiro aspecto que debemos subliñar é que se compón de tres capítulos claramente estruturados, o cal facilita enormemente a súa lectura e manexo. No primeiro deles, recóllense os aspectos clave dunha investigación que conta con dúas partes diferenciadas pero ao mesmo tempo complementarias. Por un lado, realízase unha análise dos libros de texto máis habituais nas nosas escolas nos niveis de 4º de ESO e 1º de Bacharelato e naquelas materias que acostuman a recoller aspectos relacionados co Holocausto, quedando a mostra final en 42 manuais. A segunda parte da investigación ten como principal propósito analizar o nivel de coñecementos e actitudes dos estudantes dos niveis referidos, así como avaliar as fontes do dito coñecemento.
.
O segundo capítulo ten a súa orixe nos resultados da investigación realizada. Tanto a análise dos manuais escolares como os coñecementos e opinións dos alumnos implicados no estudo levado a cabo, nos invitan a reflexionar sobre a perspectiva que ata o momento dirixiu o tratamento deste acontecemento nas escolas. Os autores presentan unha interesante proposta didáctica con numerosas orientacións metodolóxicas para o estudo do Holocausto dende a escola. O capítulo terceiro, é dicir, o que pecha o libro, enriquece en alto grao a proposta didáctica dos autores. Nel recóllese unha magnífica selección de recursos, agrupados en función do seu formato (libros, vídeos,...) ou temática (arte, música...), que será de gran utilidade para o profesorado. Se ben son moitos os aspectos a destacar desta publicación, non queremos deixar de reiterar a súa relevancia nun momento histórico no que é clara a necesidade de inverter maiores esforzos na formación de futuros cidadáns, sobre todo no que ten que ver cos valores e principios propios dunha sociedade democrática. Trátase, en definitiva, de incrementar o capital cívico do alumnado. No entanto, atopámonos con que boa parte do profesorado, elemento clave no proceso, encontra numerosas dificultades para afrontar os novos desafíos que a sociedade actual lle ten encomendado. Tal e como se ten posto de manifesto en diversas investigacións realizadas sobre esta cuestión, a falta de formación e recursos son dous dos principias obstáculos que impiden, ou polo menos limitan, o seu quefacer profesional. Por todo o dito, consideramos que os docentes atoparán nesta publicación resposta a moitos dos atrancos que poidan xurdir no camiño, ao tempo que, desexamos, sirva de referente para a elaboración de manuais de similares características.

* Diana Priegue Caamaño é profesora na Universidade da Coruña

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.