LIGAZÓNS
- Amical Mauthausen
- Aragoneses víctimas del nazismo
- Arístides de Sousa Mendes
- Associaçao Memória e Ensino do Holocausto
- Bamá Grupo de Estudios de la Shoah
- Blog Nazismo y Holocausto
- Casa de Anna Frank
- Comité do Holocausto en Brasil
- Didactica Shoa
- Día Internación Recordo das Vítimas da Shoáh
- El Arbol de Anna Frank
- El Holocausto
- Enciclopedia Temática del Holocausto
- Estudio Literatura del Holocausto
- Foro El Holocausto
- Fundación Internacional Raoul Wallenberg
- Fundación Memoria del Holocausto
- Grupo Zivia Lubetkin (Esp)
- Guía concisa del Holocausto
- Holocausto e Antisemitismo
- Holocausto en Español blog
- Holocausto y Educación
- Holocausto y Ética
- Holocausto.doc
- Imagen e Historia
- Lista españoles muertos en campos nazis
- Marcha por la Vida
- Mauthausen en español
- Memoria de un testimonio 1933-1945
- Memoria do Holocausto desde Galicia
- Memorial Museum Holocaust en español
- Memorial Museum Holocaust en portugués
- Museo del Holocausto (México)
- Museu Virtual de Arístides de Sousa Mendes
- ONU Programa divulgación Holocausto
- Peliculas del Holocausto judío
- Proyecto Shoá
- Violeta Friedman
- Web de Jack Fuchs
- Yad Vashem en español
- Yad Vashem Jerusalem
quarta-feira, 1 de abril de 2009
Mengele
Dúas velas para Sammy. Por Simón Wiesenthal

Por Simon Wiesenthal
.
A primeira vez que escoitei falar de Sammy Rosenbaum foi en 1965, cando a señora Rawicz, de Rabka, presentouse na miña oficina en Viena para brindar testemuño no xuízo por crimes de guerra. A Sra. Rawicz lembraba a Sammy Rosenbaum como "un neno fráxil, de cariña delgada e grandes ollos escuros, que parecía ser moito maior da idade que tiña, como moitos outros nenos que se enfrontaban demasiado tempranamente á vida".
.
Sammy tiña nove anos en 1939 cando os alemáns entraron en Rabka e converteron a vida nun pesadelo. O pai de Sammy era un xastre que vivía nunha casa vella, en dous cuartos con cheiro a rancio xunto a unha pequena cociña. Pero era unha familia feliz e relixiosa. Cada venres á noite, despois que a súa nai e irmá acendían as velas de Shabat, Sammy ía co seu pai á sinagoga. En 1940 a SS estableceu un centro de adestramento no que foran os barracóns do exército polaco, preto de Rabka.
.
Na primeira fase da guerra os pelotóns da SS fusilaban ás súas vítimas; cincuenta, cen, mesmo cento cincuenta persoas por día. En Rabka íase endurecendo aos integrantes da SS para insensibilizalos ante o sangue, aos berros das mulleres e nenos. O traballo tiña que ser levado a cabo co mínimo de alboroto e o máximo de eficiencia. Eran as ordes do "Führer", o "Führerbefehl". O comandante da unidade era o "Untersturmführer" da SS, Wilhelm Rosenbaum de Hamburgo. Cínico e brutal, sempre levaba unha fusta na man. "A súa mera presenza infundíanos temor", lembraba a muller de Rabka.
.
A principios de 1942, o SS Rosenbaum ordenou que todos os xudeus de Rabka se presentasen na escola local para "rexistrarse". Os enfermos e os vellos ían ser deportados, os outros traballarían para a Wehrmacht. Cando a revisión estaba por terminar chegou o "Führer" da SS Rosenbaum, acompañado de dous lugartenentes, Hermann Oder e Walter Proch. O "Führer" da SS Rosenbaum leu a lista de nomes. "De súpeto, golpeou con forza a mesa coa súa fusta", contoume a muller de Rabka. "Sobresaltámonos, coma se cada un de nós recibise un lategazo". O SS Rosenbaum gritou: "Que significa isto? Rosenbaum? Xudeus! Como é que estes malditos xudeus se atreven a levar o meu nobre nome alemán?" Arroxou a lista sobre a mesa e saíu da sala.
.
Sabiamos que era só unha cuestión de tempo: os Rosenbaum foran sentenciados a matar. Ás persoas executáballas polo mero feito que o seu apelido era Rosenberg, ou porque daba a casualidade que o seu primeiro nomee era Adolf ou Hermann. A escola de policía levaba a cabo as execucións nun claro do bosque. Baixo a mirada do SS "Führer" Rosenbaum os estudantes executaban aos xudeus e polacos detidos pola Gestapo e este observaba de maneira clinicamente distante as reaccións dos estudantes. Se un estudante dubidaba ou se sobresaltaba era retirado do pelotón de execución e enviado á fronte. Despois da etapa de rexistro a Sra. Rawicz traballou como limpadora na escola de policía. "Cando os homes da SS volvían do claro do bosque eu tiña que limpar as súas botas cubertas de sangue".
.
Era un venres de mañá en xuño de 1942. Dous homes da SS escoltaron "ao xudeu Rosenbaum", á súa muller e á súa filla de quince anos Paula. Detrás deles ía o SS "Führer" Rosenbaum. "A muller e a moza foron levadas fóra do edificio da escola e despois escoitei algúns tiros", declarou a testemuña. "Puiden ver como o SS Rosenbaum castigaba duramente a Rosenbaum coa fusta mentres gritaba: "Xudeus mugrientos, voulles a dar unha lección por levar o meu nome alemán!" Despois o SS sacou o seu revolver e disparou dous ou tres tiros sobre Rosenbaum, o xastre. Logo o SS enviou a un kapo sen armas (policía xudeu) á canteira, a buscar a Sammy. Éste foi a Zakryty nun carro tirado por un cabalo. Parou e fíxolle un aceno coa man a Sammy Rosenbaum. Todos os que estaban na canteira quedaron mirando, os traballadores xudeus e os gardas da SS. Sammy colocou a pedra que tiña nas súas mans no camión e se dirixiu cara ao carro.
.
Sammy elevou a mirada cara ao kapo e preguntou: "Onde están? Papá, mamá e Paula. Onde?" O kapo soamente sacudiu a cabeza. Sammy comprendeu. "Están mortos". Murmurando, dixo de maneira realista: "O noso nome é Rosenbaum e agora viñéchesme buscar a min". Subiu ao carro e sentou á beira do kapo. A reacción que o policía esperaba era que Sammy se botase a chorar, que quizais tentase fuxir. Ao saír de Zakryty o policía ía pensando como podería advertir ao mozo, de que maneira permitirlle que desaparecese nos bosques e quizais atopar axuda coa resistencia polaca.
.
Agora era demasiado tarde. Os gardas da SS estaban a vixiar. O kapo relatoulle a Sammy o ocorrido esa mañá. Sammy pediulle se poderían parar un momento na súa casa. Unha vez chegados alí, baixou do carro e entrou á casa, deixando a porta aberta. Paseou a súa mirada pola mesa coas cuncas do almorzo medio baleiras. Mirou o reloxo. Eran as tres e media. Papá, Mamá e Paula xa estaban enterrados e ninguén acendera unha vela por eles. Lenta e metodicamente Sammy sacou as cousas da mesa e alí colocou os candelabros. "Desde fóra podía ver a Sammy", contoulle o kapo á Sra. Rawicz. "Colocouse o seu kipá e acendeu as velas. Dúas polo seu pai, dúas pola súa nai, dúas pola súa irmá. E rezou. Observei como se movían os seus beizos. Rezou Kadish por eles. "O Kadish é a oración polos mortos. O seu pai sempre rezaba Kadish polos seus pais falecidos e ensinoulle a Sammy esta pregaria. Agora el era o único que quedaba da súa familia. Permaneceu inmóbil mirando as seis velas. Desde fóra o policía xudeu viu como Sammy sacudía lentamente a cabeza, coma se de súpeto lembrara algo. Logo Sammy colocou dúas velas máis sobre a mesa, tomou un fósforo, acendeunas e logo rezou.
.
"O mozo sabía que xa estaba morto", dixo máis tarde o policía. "Acendeu as velas e rezou Kadish no seu propio nome". Sammy saíu da casa e sentou á beira do kapo, que estaba a chorar. O mozo non choraba. O kapo limpouse as bágoas co dorso da man e tirou das rendas, pero as bágoas seguíanlle correndo polas fazulas. O mozo non pronunciou palabra. Suavemente tocou o brazo do kapo, para consolalo, para perdoalo por levalo; eu agregaría, á morte! Dirixíronse ao claro no bosque, onde estaban a esperar o SS Rosenbaum e os seus estudantes. "Ben, finalmente chegaron! Xa era hora!, gritou o SS. Ningunha lápida leva o nome de Sammy Rosenbaum.
.
Ninguén podería lembralo de non vir esta muller de Rabka á miña oficina. Pero cada ano, desde aquel día, nun día de xuño, acendo dúas velas na súa memoria e rezo o Kadish.
sexta-feira, 27 de março de 2009
domingo, 22 de março de 2009
domingo, 15 de março de 2009
Cousas que non se entenden. Por Marcos Valcárcel

E para rematala, hai uns días, en Tele 5 (La Noria), o ínclito Jordi González dálles voz a tres representantes de grupos fascistas (Democracia Nacional, España 2000, Movimiento Católico Español) para que defendan con arrogancia as súas teses xenófobas e racistas.
Personaxes que defenden correntes violentas e que non representan a ninguén, polo que acertaron Esteban Ibarra e Pilar Rahola cando se negaron a debater con eles. Tres fascistas que se retratan a si mesmos: o de España 2000 confesou que era o avogado de Anela, asociación que axunta os clubs de alterne de España; suponse que as inmigrantes explotadas nos mesmos, disque a inmensa maioría das prostitutas en España, quedan fóra deste discurso xenófobo, non?
Memoria da Shoáh. Por Afonso Vázquez-Monxardín

Hai uns días un xudeu contoume un chiste. "Dicíalle un home a outro: temos que matar todos os xudeus e todos os ciclistas. ¿E por que os ciclistas?, contestáballe o outro". ¿E por que os xudeus?, preguntábase o que mo contaba. Parecíalle fascinante, desde o punto de vista intelectual, a reprodución do antisemitismo en contextos tan distintos como a idade media, o réxime nazi ou o estalinismo. Incluso nestes tempos de hoxe, nos que o terrorismo de raíz islamita voou tres tristes trens en Madrid, meteu bombas no metro de Londres, destruíu as Torres Xemelgas, e se desenvolve en cinco continentes entremedias de máis de mil millóns de musulmáns, a maioría pacífica pero sobre a que exerce sedución o radicalismo, o problema e obxecto de animadversión da prensa occidental -e logo pois de boa parte da opinión pública- son os 5,3 millóns de xudeus que viven en Israel, xunto co millón longo de árabes con cidadanía israelí que non marcharon en 1948.
Sabemos que entre os anos 1939 e 45 o pobo xudeu padeceu unha catástrofe -shoáh en hebreu- na que morreron seis millóns deles, un terzo da súa poboación mundial total. Dos sefarditas, case o 90 por cento; moitos deles de orixe galega, como as familias Castro ou Lemos de Hamburgo, os Pardo de Salónica, os Pereira de Amsterdam, Edirne ou Saraxevo. Pero a orixe tanto ten.
En 2005 a ONU escolleu o 27 de xaneiro como Día internacional en memoria das vítimas do Holocausto con motivo de cumprirse o 60 aniversario da chegada das tropas rusas ao campo de exterminio de Auswichtz. Daquela o mundo púxolle caras esfamiadas a unha traxedia sabida desde había tempo nas chancelerías occidentais e orientais. A pregunta, de por que non bombardearon as vías de tren que conducían aos campos ou por que a Igrexa calou durante o exterminio permanecerán sen resposta. Se cadra é mellor pensar só no futuro. Pero en calquera caso é bo lembrar esta data para facer caso á ONU e para volver os ollos á realidade de que o antisemitismo aniña das conciencias, sobre todo, dos extremos políticos, dereita e esquerda, nunha distinción imposible.
En Teherán hai uns meses xuntáronse os negacionistas de todo tipo que insultan a memoria dos sobrevivientes afirmando que minten, que nada do que din é certo. En recordo do Holocausto e contra esta inmensa falacia as institucións políticas sensibles fan actos e declaracións este día. Mágoa que en Galicia a actitude do BNG ao querer mesturar o complexo conflito territorial de hoxe co asasinato masivo nazi, imposibilitase a declaración institucional unitaria da mesa do Parlamento Galego. Os que impediron a lembranza dos mortos nos campos nazis califícanse sós. Eu non o farei.
quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009
O BNG e o recorda das vítimas do Holocausto. Por Pedro Gómez-Valadés

O día internacional de recordo das vítimas do holocausto é un día instaurado por Nacións Unidas no ano 2005 co obxectivo de honrar aos millóns de mortos que o delirio hitleriano provocou no corazón da nosa Europa na metade do século pasado. Di textualmente a resolución 60/7 que dá orixe ao día: “A Asemblea Xeral decide que as Nacións Unidas designen o 27 de xaneiro como Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto”. Pode un concordar ou non coa necesidade da data, mais o que ninguén honestamente pode afirmar é que o sentido do día, da conmemoración, estean minimamente confusos. Memoria das Vítimas do Holocausto. 27 de Xaneiro. O día en que as tropas soviéticas entran no horror do campo de exterminio de Auschwitz. Non é preciso ser deputado para decatarse da claridade.Desde o ano 2005 infinidade de foros no mundo democrático instauraron a data como recordatorio do que aconteceu e non debe volver suceder. Lembremos que non hai moitos anos a poucas horas de voo desde Galiza, na nosa civilizada Europa, asistimos nos Balcáns a episodios xenocidas que fixeron rememorar tempos que algúns pensaban definitivamente superados. Sbrenica deixou claro que a didáctica democrática nunca é dabondo á hora de neutralizar posíbeis crimes contra os dereitos humanos por moi próximo que estea o lugar da nosa sala de estar.
segunda-feira, 23 de fevereiro de 2009
O violín de Auschwitz. De Angels Anglada

O violín de Auschwitz narra a historia de Daniel, un xove violeiro xudeu internado no campo de exterminio de Auschwitz, onde as condicións de vida son infrahumanas e os castigos e a morte son compañeiros habituais dos presos que sobreviven nesta porta do inferno. O comandante do campo, Saukel afeccionado á música clásica, descobre o auténtico oficio de Daniel e decide poñelo a proba: faralle construír un violín, coas medidas dos Stradivarius, que ten que ser perfecto. Daniel, sen sabelo primeiro, é obxecto dunha aposta entre o comandante e o sádico médico da SS Rascher.
EDITA: Edicións Xerais de Galicia
Enderezo descoñecido. De Kressmann Taylor

Cando "Enderezo descoñecido" se publicou por primeira vez en 1938 causou gran sensación pola crueza coa que expoñía diante da opinión pública norteamericana o veleno do nazismo dende os seus inicios. Axiña obtivo vendas espectaculares e foi editada en Inglaterra e traducida a outras linguas, sendo considerada como unha obra perfecta. En 1939, a traducción holandesa desapareceu das librerías e, coincidindo coa ocupación nazi, a única presencia da novela en Europa foi na lista de libros prohibidos do Reichskommisar. A historia permaneceu descoñecida no continente durante sesenta anos máis, malia o impacto e o gran éxito que acadara nos Estados Unidos e Inglaterra. Trala súa reedición en 1995, para conmemorar o cincuenta aniversario da liberación dos campos de concentración, chegou ás mans de Henri Dougier, o editor francés da revista Autrement, quen decidiu publicala convencido da súa importancia para as víctimas do nazismo e para toda a comunidade europea.
EDITA: Edicións Xerais de Galicia
Diario. De Anna Frank

DIARIO DE ANA FRANK
EDITA: Edicións Kalandraka
Sálvate Elías! . De Elisabeth Brami e Bernard Jeunet

De Elisabeth Brami e Bernard Jeunet
Editorial Kalandraka
Fómonos sen botar a chave. Mamá choraba. Era unha mañá de xuño, pouco antes do final de curso. Eu estaba xogando ás damas con trociños de pan sobre o hule a cadros da cociña. O señor Perrier, o veciño, que era policía, chamou á porta.
"Sálvate Elías!" é un libro tanto para nenos como lectores adultos. Un libro para toda a vida, que sempre permanecerá na memoria. Un libro que os máis pequenos comprenderán aos poucos, a medida que saiban que son as guerras, os efectos que producen nas súas vítimas e a pegada que deixan na nosa historia. O protagonista deste relato ambientado en Francia é un neno xudeu de sete anos ao que os seus pais deixan ao coidado duns granxeiros para protexerlle da persecución que sofren os xudeus durante a II Guerra Mundial. Con outra identidade e unha familia postiza, Elías afronta a nenez, unha etapa da vida na que os sentimentos teñen unha forza incalculable: forza, valentía, pero tamén medo e desconfianza a que descubran a súa verdade. Elías non quere perder a esperanza de que os seus pais volvan algún día a por el. Mentres, a realidade ofrécelle a súa cara menos amable: ridiculizano no colexio, os maiores rexéitano pola súa orixe xudea e só é amable con el unha nena, que lle fai espertar emocións especiais. Elías atópase indefenso ante un mundo sen piedade, capaz de aniquilarse a si mesmo e á súa principal fonte de futuro: a infancia. O libro está dedicado a nenos que, como Elías, sobreviviron á masacre que padeceu o pobo xudeu; pero sobre todo, a aqueles que non tiveron esa sorte. Élisabeth Brami crea un relato rebosante de sensibilidade que atopa o seu complemento ideal na orixinal e laboriosa proposta artística de Jeunet, baseada nas técnicas do collage e a escultura en papel e cartón, caracterizada pola meticulosidade dos detalles e os tons sombríos, que acentúan a sensación de angustia que transmite a historia.
Edita KALANDRAKA
