sexta-feira, 19 de novembro de 2010

JACQUES STROUMSA

Afonso Vázquez-Monxardín xunto a Jacques Stroumsa no Yad Vashem en Jerusalem



Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región de Ourense - 19.11.10



O día 17 de xullo de 2009, cando tiña 96 anos, colleu Jacques Stroumsa moi de madrugada un autobús no porto de Eilat, alá no fondo do golfo de Aqaba, no extremo sur de Israel, para ir dar unha charla ao Yad Vashem, o centro da memoria xudía en relación co holocausto. Erguérase moi cedo porque tiña ilusión por vir ao encontro dos docentes españois que estabamos naquela fornada. Era o colaborador, a testemuña máis veterana da sección de lingua española da institución dos gardiáns da memoria.

Cun fiíño de voz que nos facía estar a todos en escrupuloso silencio e arrechegados á súa mesa relataba os anos de infancia nunha Salónica descougada. El nacera en 1913, un ano despois da incorporacion da cidade a Grecia. Máis de oitenta mil españois xudeus mantiñan daquela viva a lingua que el estaba usando pousadamente naquela sala, ese español medieval de fonética arcaica entrefebrado con pingas de vocabulario apañado dos países por onde pasaran aqueles xudeus errantes antes de topar o acougo xeneroso do imperio otomano. Contaba como existían daquela escolas promovidas por Francia, Italia, Inglaterra, incluso Alemaña, pero non España, naquel recuncho multicultural, segunda cidade xa de Grecia nun momento de anexión integradora. Salónica fora durante moitos séculos unha especie de Xerusalem xudía sobre todo, pero tamén turca e grega. Coa anexión, a minoría turca devecera de forma radical, pero a xudía ía resistindo. Contaban o sr. Stroumsa como era a súa familia de músicos, de violinistas, e como se fixo enxeñeiro industrial en Francia onde botou uns anos antes de voltar a Salónica para traballar e cumprir co servizo militar. Coa súa vida e viaxes cosmopolitas e co seu bo oído, chegou a falar moitas linguas, castelán, turco, grego, hebreo francés... Estaba orgulloso. Pero un día aquel mundo veuse abaixo. Chegaban ecos de Alemaña e Polonia. Non podía ser. Era demasiado terrible para ser certo. Non podía haber tanto mal. Pero o mal chegou. Metérono nun tren coa súa familia. No tren 16, xunto outros 2.499 xudeus de Salónica, un día da primavera de 1943. Chegaron ao destino. Separáronos. En 1.685 non gastaron tinta. Directamente saíron polas chimeneas de Auschwitz. Entre eles a súa muller embarazada de oito meses, seus pais e os sogros. Aos outros 815 tatuáronos. Un triángulo como xudeu, un G como grego, e un díxito.
E Jacques salvouse, curiosamente, pola música. Como violinista tatuado no inferno. Porque como di o título dun dos seus libros, “Elixin a vida”. Logo houbo de traballar de enxeñeiro escravo. Pero non había outra escolla: suicidio ou supervivencia. E debía seguir vivo para dar testemuño do horror. Para impedir o esquecemento e para evitar o odio.

Así que marchou o velliño, falamos. E dixéronnos que houbera moitos israelís que non acolleran ben aos saídos dos campos de concentración. Eran culpables de sobrevivir, de facer o posible e o imposible por cumprir o mandáto bíblico de manter o fío da vida. Israel non quería, non debía ser a casa só dos heroes, dos combatentes, senón de todos os supervivintes.
Jacques Stroumsa acabou reconstruíndo a súa vida xunto con Lora, de Atenas, e nos últimos anos deleitábase coa súa neta violinista. Pechou o círculo da vida alá na desacougada e esperanzada Xerusalem, o outro día, cando era tempo de magostos en Ourense. Que a terra che sexa leve, Jacques.

sexta-feira, 3 de setembro de 2010

O son do Holocausto


A orquestra formada por 16 violíns pertencentes a xudeus vítimas do nazismo sae de Israel nunha xira europea
Por Rodrigo Carrizo
Sion - 21/08/2010
.
Para o oínte desprevido podería parecer unha orquestra como tantas outras. Pero non o é. Estes mozos que interpretan obras de Vivaldi non tocan calquera violín, senón instrumentos que foron testemuñas mudas do Holocausto. Violíns que pertenceron a homes e mulleres asasinados nos campos de exterminio nazis. Un deles serviu mesmo para distraer ás vítimas que desfilaban cara aos traballos forzados ou as cámaras de gas. "Baixo o sol, a choiva ou a neve", explica Amnon Weinstein, un luthier israelí, iniciador do proxecto bautizado como "Os violíns da esperanza". Neste a súa viaxe á memoria acompáñalle un dos mellores instrumentistas da súa xeración: o israelí Shlomo Mintz. Ambos recalaron na Suíza francesa grazas a unha iniciativa do Festival Internacional de Música de Sion. Trátase da primeira xira desta orquestra formada por de 16 instrumentos únicos: Nunca abandonara Israel e, segundo anuncia Mintz, unha das etapas da xira será en xaneiro de 2011 en Madrid.
.
A historia desta orquestra comeza en realidade en 1936, cando o músico polaco Bronislaw Huberman, preocupado polo extremismo político en Europa, decidiu emigrar a Xerusalén. Desde alí convocou á crema dos instrumentistas xudeus do seu tempo para fundar unha orquestra. A formación recibiu o nome de Orquestra de Palestina e o seu primeiro director foi Arturo Toscanini. Hoxe é coñecida como Orquestra Filarmónica de Israel e está baixo a batuta de Zubin Mehta. "Moitos daqueles músicos que chegaron a Israel despois de 1945, levaban violíns alemáns. Como ninguén quería obxectos fabricados en Alemaña, nalgúns casos foron queimados e noutros vendidos", explica Amnon Weinstein. O seu pai comezou a comprar eses instrumentos procedentes de sobreviventes do Holocausto para crear unha colección. "Unha sabia decisión", valora o fillo, "pois estes violíns poden transmitir co seu son a experiencia do que pasaron. Moi en particular agora, cando as últimas testemuñas directas desaparecen".
.
A peripecia destes instrumentos está a ser filmada para a posteridade nun documental no que participa Shlomo Mintz. O músico tocou o seu violín ante o barracón de Auschwitz-Birkenau onde estivo interna até a súa morte o 4 de abril de 1944, Alma Rosé, sobriña de Gustav Mahler. Rosé era a directora da orquestra de mulleres do campo da morte.

sexta-feira, 7 de maio de 2010

terça-feira, 30 de março de 2010

sexta-feira, 12 de fevereiro de 2010

O negacionismo é constitucional?

No número 153 da revista Tempos Novos, correspondente ao mes de febreiro de 2010, aparece publicado un artigo de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda titulado "O negacionismo é constitucional?". Como poderedes ver é unha carta aberta ao Ministro de Xustiza, o galego Francisco Caamaño.


quarta-feira, 3 de fevereiro de 2010

Pensad que esto ha sucedido. Grupo Eleuterio Quintanilla


Por Diana Priegue Caamaño*
Revista Galega de educación - Núm. 44 • xuño 2009
http://www.equintanilla.com/documentos/revistagalega.zip

.
O Grupo Eleuterio Quintanilla está composto por docentes dos diversos niveis da ensinanza pública e leva máis dunha década traballando, entre outros aspectos, na análise e elaboración de materiais curriculares a prol da aceptación da diversidade e o rexeitamento de calquera discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión ou outra condición ou circunstancia persoal ou social. Nesta mesma liña se sitúa a nova publicación do Grupo, a través da cal os seus autores pretenden, na medida do posible, contribuír ao estudo do Holocausto dende a escola. Neste sentido, debemos ter en conta que a contribución da pedagoxía ao estudo das causas e consecuencias do nazismo foi máis ben escasa e, unicamente, dende a Educación para a Paz se teñen realizado algúns traballos con tal finalidade. “A necesidade e importancia da temática abordada neste libro”, con estas palabras comeza o recentemente falecido Suso Jares o prólogo deste libro facendo referencia á escasa relevancia que ata o momento se lle ten outorgado a esta temática. Un libro que, como os propios autores sinalan, ten sentido pola escasa cultura que existe no noso país sobre un dos acontecementos centrais da Europa do século XX e vixente aínda nos nosos días.
.
Lembremos, por exemplo, as continuas invitacións dos medios audiovisuais a revivir aquela tremenda realidade. O Holocausto, retomando novamente palabras dos autores, constitúe unha gran oportunidade para que dende as escolas os docentes poidan traballar na construción da cidadanía, unha cuestión que coa aprobación da LOE (máis aló dos debates políticos que neste sentido se teñan xerado) se ten convertido nunha das prioridades do sistema educativo do noso país. Atendendo á organización da obra, o primeiro aspecto que debemos subliñar é que se compón de tres capítulos claramente estruturados, o cal facilita enormemente a súa lectura e manexo. No primeiro deles, recóllense os aspectos clave dunha investigación que conta con dúas partes diferenciadas pero ao mesmo tempo complementarias. Por un lado, realízase unha análise dos libros de texto máis habituais nas nosas escolas nos niveis de 4º de ESO e 1º de Bacharelato e naquelas materias que acostuman a recoller aspectos relacionados co Holocausto, quedando a mostra final en 42 manuais. A segunda parte da investigación ten como principal propósito analizar o nivel de coñecementos e actitudes dos estudantes dos niveis referidos, así como avaliar as fontes do dito coñecemento.
.
O segundo capítulo ten a súa orixe nos resultados da investigación realizada. Tanto a análise dos manuais escolares como os coñecementos e opinións dos alumnos implicados no estudo levado a cabo, nos invitan a reflexionar sobre a perspectiva que ata o momento dirixiu o tratamento deste acontecemento nas escolas. Os autores presentan unha interesante proposta didáctica con numerosas orientacións metodolóxicas para o estudo do Holocausto dende a escola. O capítulo terceiro, é dicir, o que pecha o libro, enriquece en alto grao a proposta didáctica dos autores. Nel recóllese unha magnífica selección de recursos, agrupados en función do seu formato (libros, vídeos,...) ou temática (arte, música...), que será de gran utilidade para o profesorado. Se ben son moitos os aspectos a destacar desta publicación, non queremos deixar de reiterar a súa relevancia nun momento histórico no que é clara a necesidade de inverter maiores esforzos na formación de futuros cidadáns, sobre todo no que ten que ver cos valores e principios propios dunha sociedade democrática. Trátase, en definitiva, de incrementar o capital cívico do alumnado. No entanto, atopámonos con que boa parte do profesorado, elemento clave no proceso, encontra numerosas dificultades para afrontar os novos desafíos que a sociedade actual lle ten encomendado. Tal e como se ten posto de manifesto en diversas investigacións realizadas sobre esta cuestión, a falta de formación e recursos son dous dos principias obstáculos que impiden, ou polo menos limitan, o seu quefacer profesional. Por todo o dito, consideramos que os docentes atoparán nesta publicación resposta a moitos dos atrancos que poidan xurdir no camiño, ao tempo que, desexamos, sirva de referente para a elaboración de manuais de similares características.

* Diana Priegue Caamaño é profesora na Universidade da Coruña

sábado, 30 de janeiro de 2010

Galegos no campo de Mauthausen


Por Henrique Sanfiz
www.radiofusion.eu
.
En 1997 Roberto Benigni dirixiu e protagonizou a película La vida es bella, onde relata a vida nun campo de concentración nazi. Un ano antes morreu en Fene, Xoán Xosé Casal Chao "Chucho", quen pasou 4 anos no campo de Mauthausen. Contáballe ao seu sobriño que tiñan que comer as raices das arbores. Hoxe, 27 de xaneiro, conmemórase mundialmente o Dia da Memoria do Holocausto.

"Andaban con eles coma cos gorrións" contaba Avelino Casal do seu tio Chucho. Os nazis viñan por eles aos barracóns, seleccionaban a uns cantos, e dicianlles: "Imos facer unha viaxe, metíannos nun tunel onde botaban o gas, os tonteaban e logo xa ian para o forno".

Xoán Xosé Casal Chao nacera en Barallobre (Fene A Coruña) o 30 de abril de 1910. En 1936 era cabo segunda do cruceiro Miguel de Cervantes, buque que se atopaba en Ferrol, pero que recibe ordes de coller rumbo ao estreito de Xibraltar. O 19 de xullo a dotación do barco, ao ter evidencia de que os xefes e oficiais pretenden sumarse ao golpe de estado contra a República, os deteñen e toman o mando do cruceiro. O Cervantes permanecerá durante toda a guerra defendendo o réxime establecido pola zona do Levante. En marzo de 1939 a raiz da entrada das tropas de Franco en Cartagena, Casal logra pasar a Francia e se instala en Marsella, onde ao pouco xa o prenden as tropas alemáns. Entra deportado no campo de exterminio de Mauthausen en abril de 1941. O Exercito americano libera aos presos en maio de 1945 (Estou vivo por unha hora, contarálle Chucho ao seu sobriño) e él entón trasládase a Toulouse onde entrará a traballar nunha fábrica de bicicletas.

Andando os anos fai xestións para retornar a Galicia e volve na década dos 50, volvendo vivir coa súa muller e cunha filla. Casal Chao entrará logo a traballar en Astano. Xunto con Chucho, outros galegos viviron tamén o pesadelo dos campos nazis. O ferrolán Marcelino Pardal Pouso, (falecido no pasado ano 2009 en Beziers Francia), o tamén ferrolán Antonio Cendán, os mugardeses Manuel Fernández García (Olmedo) e José Pereira; Carlos Romero Rebón, de Cervás, Ares; os ferrolans Francisco Gómez Iglesias e Manuel Ponte Palmeiro; José Andrés Pena Losada, de Franza (Mugardos); Manuel Peña Martínez, de Freixeiro (Narón). O grupo máis grande de galegos en Mauthausen o formaban os procedentes de Ferrolterra.

Podes escoitar O sobriño de Chucho contaba cómo se vivía en Mauthausen

Avelino Casal faleceu no ano 2007

quarta-feira, 27 de janeiro de 2010

terça-feira, 19 de janeiro de 2010

O convoi.

Alexandra e Florian, estudantes de Erasmus, vanse de road-movie polas estradas de Europa en procura das discriminacións que aínda arrasan nas nosas sociedades. Séntense inspirados pola lectura do Diario íntimo que unha moza xudía de 27 anos, Etty Hillesum, redactou en Ámsterdam entre 1941 e 1943. Etty mostra a súa fe inquebrantable no Home á vez que este cumpre o seu proxecto histórico máis macabro: "Xa o sei todo", escribe. "E con todo, considero que a vida é fermosa e está repleta de sentido. En cada instante". A través das persoas que se cruzan no seu camiño en Ámsterdam, Bruxelas, Colonia, Berlín e Auschwitz, Alexandra e Florian toman conciencia dos mecanismos que foron accionados durante o pasado e que non hai que perder de vista se non queremos ceder ao medo e o odio. Cada testemuña que nos atopamos parece preguntarnos: "Hoxe, a Vida, por onde está transitando?"




sexta-feira, 15 de janeiro de 2010

Holocausto. De Alfonso Zapico


Un traballo en banda deseñada do debuxante asturiano Alfonso Zapico, editado polo grupo "Zivia Lubetkin" que podes - e debes - descargar de balde AQUI

Día da Shoá en Casa de Israel