segunda-feira, 4 de fevereiro de 2013

quinta-feira, 31 de janeiro de 2013

terça-feira, 29 de janeiro de 2013

O rescate durante o Holocausto: a coraxe de axudar. Por Xoán Manuel Garrido Vilariño

 
 
Por Xoán Manuel Garrido Vilariño
26.01.2013
O Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto conmemórase cada ano o 27 de xaneiro desde que foi instituído pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, por medio da resolución 60/7 de 1 de novembro de 2005. Nese mesmo ano, o Parlamento Europeo estableceu tamén o 27 de xaneiro como o Día Europeo de Memoria do Holocausto. A petición da Asemblea, o Secretario Xeral da ONU botou a andar un programa de divulgación titulado O Holocausto e as Nacións Unidas para mobilizar á sociedade civil na transmisión da lembranza do Holocausto e as súas ensinanzas e, deste xeito, axudar a previr xenocidios no futuro. O tema escollido polo programa para este ano 2013 leva por título O rescate durante o Holocausto: a coraxe de axudar, lema co que se rende homenaxe a quen puxo en perigo a súa vida e a das súas familias para salvar xudeus e outras persoas dunha morte segura baixo o réxime nazi. As historias dos salvadores son diversas: uns deron acubillo nos seus fogares, outros trasladaron familias enteiras a un lugar seguro ou axudáronas a obter os documentos necesarios para escapar. Todas as historias teñen un elo común: a coraxe, a compaixón e o liderazgo moral.

O 27 de xaneiro de 1945 o Exército Vermello liberou o campo de concentración e exterminio de Auschwitz. A finais de 1944, coa ofensiva soviética sobre Polonia, as autoridades do campo iniciaron o proceso de borrar as pegadas dos seus crimes, como por exemplo, destruír documentos, dinamitar as cámaras de gas e os fornos crematorios e incendiar os barracóns que máis os incriminaban. Os prisioneiros que eran capaces de andar foron evacuados entre os días 17 e 21 de xaneiro de 1945, en dirección ao Terceiro Reich; no campo só quedaron os doentes, uns 7000 dun total estimado de 1.300.000 que alí chegaron e mataron. Un supervivente, Primo Levi cóntanos os dez últimos días previos á liberación de Auschwitz no capítulo Storia di dieci giorni do seu libro-testemuño, Se questo è un uomo (1947). Velaquí o que escribe na entrada do día 18 de xaneiro:

“Fóra [do barracón] debía haber polo menos vinte graos baixo cero; a maior parte dos doentes non levaba posto máis ca una camisa, algúns nin sequera iso […]. Hoxe eu penso que, se non fose polo feito de que existiu un Auschwitz, ninguén a estas alturas debería falar de Providencia, mais é certo que, naquela hora, a lembranza dos salvamentos bíblicos nas adversidades extremas pasou coma un vento por todas as nosas mentes. […] 26 de xaneiro. Nós xaciamos nun mundo de morte e de vermes. A derradeira pegada de civilización desaparecera do noso redor e dentro de nós. A obra de bestialización emprendida polos alemáns triunfantes foi cumprida e rematada polos alemáns derrotados”.

Cómpre sinalar o carácter europeo do Holocausto ou Shoah, unha denominación que se está popularizando desde que Claude Lanzmann estreou o documental do mesmo nome en 1985. Porque o exterminio en masa só se puido producir na civilizada Europa que dispoñía dos métodos avanzados e o desenvolvemento tecnolóxico e científico suficientes como para poder realizar tal aniquilación industrial. A destrución non era só física, houbo un proceso de alienación do ser humano que comezaba polo cambio do nome por un número de rexistro e a perda da súa identidade anterior á entrada no campo. A ideoloxía nazi tamén tentou experimentar en Auschwitz se eran quen de eliminar da memoria humana os seus crimes e as súas vítimas. Velaí a razón da escolla desta data por parte da ONU e o Parlamento Europeo: recuperar a memoria das vítimas.

Visto que a conmemoración deste ano homenaxea os rescatadores, en Galicia debemos lembrar a tres irmás, Lola, Amparo e Xulia, que rexentaban un quiosco-bar na estación de tren de Ribadavia e que teceron unha rede de socorro a xudeus que fuxían da persecución nazi para axudalos a chegar ata a fronteira portuguesa. Esta rede, formada por sete persoas e dirixidas por Lola, a maior das tres irmás, xuramentouse para manter en segredo a súa actividade durante os anos máis duros da Segunda Guerra Mundial e a posterior ditadura franquista e non desvelalo ata que cadanseu membro falecese. A nova desta xenerosa acción aparece recollida nun dos relatos escritos por Antón Patiño Regueira no libro Memoria de ferro, publicado por Promocións Culturais Galegas no ano 2005, porque el foi un dos poucos coñecedores da existencia desta rede.

domingo, 27 de janeiro de 2013

Risco, o Holocausto e o antixudaísmo. Por Afonso Vázquez-Monxardín

Por Afonso Vázquez-Monxardín
.
Vicente Risco publicou en 1944 un libro (Historia de los judios desde la destrucción del Templo) que xunto coas colaboracións de prensa desde os inicios da guerra –en favor de Franco- e outras achegas en La Región e na revista Misión, durante a II Guerra Mundial –en favor de Hitler e do racismo- enchen de oprobio e vergoña a súa lembranza. Por eses posicionamentos en favor da guerra contra a II República e en favor do fascismo na II Guerra Mundial, Castelao escribiu no Sempre en Galicia... “Dicía Risco, cando Risco era alguén”. Pero Castelao erraba. Risco sempre foi e será alguén. Poliédrico. Con ideas. Cambiantes. Así hai que asumilo. Co bo e co malo. Coa luz e coas sombras. Precisamos máis historia e menos haxiografía.
Ese libro citado, de máis de 400 páxinas, non é, desde logo, unha improvisación. Non é un artigo exaltado dun mal día. É unha reflexión de alguén engaiolado naquela altura polo bando que había de perder a II Guerra Mundial. Gababa o nazismo, por exemplo, dicindo “Los alemanes veían levantarse al fin una fuerza positiva contra aquel odiado enemigo por el cual sentían, inclusive, asco físico, y que, sin embargo, se había entronizado sobre ellos con la república (de Weimar)” (p.433). Citas, como esta e peores, ducias.
A quen vén isto? Pois a que o día 27 de xaneiro, desde 2005 celébrase por decisión da ONU o “día internacional de lembranza do holocausto” para que as novas xeracións non esquezan que unha vez, non hai tanto tempo, houbo un réxime que intentou exterminar industrialmente un pobo enteiro, por razón da súa relixión e cultura. E mentres isto ocorría había quen aplaudía e quen calaba. E tanto lle tiñan aos nazis se os trens chegaban con xudeus de Holanda, Grecia, Polonia, Alemaña ou calquera outro lugar dos que dominaban. Eran xudeus. Así, como sabemos todos, seis millóns deles e dous de xitanos, foron mortos a tiros e en cámaras de gas. Morte industrial por razón de orixe. Algo inédito.
E na proximidade destas datas podemos reflexionar como en España, un dos poucos países ocidentais sen a penas minoría xudía e un dos máis atacados por Al Qaeda –lembremos o 11-M ou o atentado de Casablanca- é tamén o lugar no que máis difícil topar obxectividade e distancia, na prensa sobre o tema.
En Europa, mal que vén, despois da II Guerra houbo un proceso de desnazificación. En España non. Ata os seus últimos discursos o pequeno ferrolán teimaba nos xudeus e masóns como os culpables dos males de España. Se cadra a falla de distancia e de ecuanimidade actual é herdanza, sen sabelo, daquelas ideas franquistas e da acusación de pobo deicida do nacional catolicismo do que tamén bebía Vicente Risco.
En fin, se unha persoa da preparación e altura intelectual de Risco, pode chegar a ter unha posición tan ignominiosa, que non dicir do resto dos mortais.
As irmás Touza de Ribadavia e outros moitos xustos e xenerosos, salvaron xente naquelas guerras horrorosas. Mentres outros calaron. E outros aplaudiron.
Nunca máis.

quarta-feira, 21 de novembro de 2012

Exposición na Coruña: "Auschwitz-Birkenau"


Exposición "Auschwitz-Birkenau"
Entre os días 3 e 15 de decembro de 2012
FORUMETROPOLITANO
.
Conferencia
Luns, día 3 de decembro ás 20:00 horas
Presenta: Joao Guisán, escritor e socio de AGAI
Intervén: Danial Candal, fotógrafo e autor da exposición

terça-feira, 17 de julho de 2012

sexta-feira, 22 de junho de 2012

Antía Cal e o Holocausto




Por Xesús Alonso Montero
La Voz de Galicia (23.06.2012)

O termo, que procede dun verbo grego que signiñca “queimar totalmente” hai décadas que se aplica aos seis millóns de xudeus asesinados e gaseados nos campos de concentración nazis nos anos da II Guerra Mundial. Nesas datas Antía Cal Vázquez (La Habana. 1923) estudaba a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e estaba moi allea. como tantos millóns de subditos españois desinformados ou alienados, á traxedia que viviu nun deses campos quen anos despois seria unha das súas grandes amigas: Mercedes Núñez Targa (Barcelona, 1911 - Vigo, 1986).

Antía Cal dedícalle a esta loitadora un capítulo moi garimoso no seu libro de memorias “Este camiño que fixemos xuntos” (2006). Mañá será homenaxeada en Trasalba a profesora Antía Cal. circunstancia que me convida a contar un episodio moi significativo da súa biografía de pedagoga. resumido por ela no capítulo mencionado. Estamos, a finais de 1977 no colexio Rosalía de Castro (Vigo), creado por ela en 1961, cando aínda vivía o seu marido, o ilustre oftalmólogo Antón Beiras. que tanto a axudou nos seus proxectos pedagóxicos. A profesora Cal disponse a comentar algúns feitos da II Guerra Mundial, entre eles s infamia dos campos de exterminio nazis.

No coloquio fina! cos alumnos, algúns citando aos seus pais (burguesiños vigueses troquelados no franquismo), arrepuxéronse co argumento de “que non foran certos”. Nese momento, a profesora -pedagoga sempre- comunicoulles que, dentro de poucos días, ocuparía a “cátedra” unha persoa máis convincente. Tratábase de Mercedes Núñez, que non era xudía. que era unha comunista española que loitara na Resistencia francesa en 1944. “delicto” polo que foi destinada ao campo de concentración de Ravensbrück. Contoulles aos educandos que alí “perderá un pulmón (dun culatazo dun SS” e que. cando en 1945 foi liberada polas tropas aliadas, “librou do crematorio de milagre”. A memorialista non esquece outros datos: “... a primeira vez que puido ir ao baño e ollarse nun espello non se recoñecía. Pesaba, daquela. vinte e sete quilos». Nesas datas. Mercedes Núñez estaba a redactar en catalán un libro memoria lístico que, na primeira edición (Barcelona. 1980). titulouse “El carretó deis gossos” (A carreta dos cans), onde conta as súas experiencias na xeografía alema do terror. Publicouse hai pouco unha edición en castelán cun título máis didáctico. “Destinada al crematorio. De Argeles a Ravensbrück: las vivencias de una resistente republicana española” (Sevilla, Renacimiento, 2011). Prologueina eu. Mercedes Núñez. que amaba “as plantas e as flores” (como Rosa Luxemburgo), ese día de 1977 ofreceulles aos alumnos de Antía Cal a primeira versión das súas terribles memorias alemas.

segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

sábado, 31 de dezembro de 2011

sexta-feira, 9 de dezembro de 2011

sexta-feira, 11 de novembro de 2011