sexta-feira, 27 de março de 2009

domingo, 22 de março de 2009

domingo, 15 de março de 2009

David Galante


www.Tu.tv

A Solución Final

Republicanos nos campos nazis

Cousas que non se entenden. Por Marcos Valcárcel


Por Marcos Valcarcel
.
Debuxar os príncipes de Asturias na portada dunha revista de humor e sátira é neste país perseguible de oficio e obxecto de multa. En cambio, negar o xenocidio e o Holocausto entra nas marxes da liberdade de expresión, seica. Así o afirma o Tribunal Constitucional. Por favor, se hai algún xurista libre, que mo explique cando poida.
.
E para rematala, hai uns días, en Tele 5 (La Noria), o ínclito Jordi González dálles voz a tres representantes de grupos fascistas (Democracia Nacional, España 2000, Movimiento Católico Español) para que defendan con arrogancia as súas teses xenófobas e racistas.
.
Personaxes que defenden correntes violentas e que non representan a ninguén, polo que acertaron Esteban Ibarra e Pilar Rahola cando se negaron a debater con eles. Tres fascistas que se retratan a si mesmos: o de España 2000 confesou que era o avogado de Anela, asociación que axunta os clubs de alterne de España; suponse que as inmigrantes explotadas nos mesmos, disque a inmensa maioría das prostitutas en España, quedan fóra deste discurso xenófobo, non?
Publicado en Galicia-Hoxe (21.11.2007)

Memoria da Shoáh. Por Afonso Vázquez-Monxardín


Por Afonso Vázquez-Monxardín


Hai uns días un xudeu contoume un chiste. "Dicíalle un home a outro: temos que matar todos os xudeus e todos os ciclistas. ¿E por que os ciclistas?, contestáballe o outro". ¿E por que os xudeus?, preguntábase o que mo contaba. Parecíalle fascinante, desde o punto de vista intelectual, a reprodución do antisemitismo en contextos tan distintos como a idade media, o réxime nazi ou o estalinismo. Incluso nestes tempos de hoxe, nos que o terrorismo de raíz islamita voou tres tristes trens en Madrid, meteu bombas no metro de Londres, destruíu as Torres Xemelgas, e se desenvolve en cinco continentes entremedias de máis de mil millóns de musulmáns, a maioría pacífica pero sobre a que exerce sedución o radicalismo, o problema e obxecto de animadversión da prensa occidental -e logo pois de boa parte da opinión pública- son os 5,3 millóns de xudeus que viven en Israel, xunto co millón longo de árabes con cidadanía israelí que non marcharon en 1948.
.
Sabemos que entre os anos 1939 e 45 o pobo xudeu padeceu unha catástrofe -shoáh en hebreu- na que morreron seis millóns deles, un terzo da súa poboación mundial total. Dos sefarditas, case o 90 por cento; moitos deles de orixe galega, como as familias Castro ou Lemos de Hamburgo, os Pardo de Salónica, os Pereira de Amsterdam, Edirne ou Saraxevo. Pero a orixe tanto ten.
.
En 2005 a ONU escolleu o 27 de xaneiro como Día internacional en memoria das vítimas do Holocausto con motivo de cumprirse o 60 aniversario da chegada das tropas rusas ao campo de exterminio de Auswichtz. Daquela o mundo púxolle caras esfamiadas a unha traxedia sabida desde había tempo nas chancelerías occidentais e orientais. A pregunta, de por que non bombardearon as vías de tren que conducían aos campos ou por que a Igrexa calou durante o exterminio permanecerán sen resposta. Se cadra é mellor pensar só no futuro. Pero en calquera caso é bo lembrar esta data para facer caso á ONU e para volver os ollos á realidade de que o antisemitismo aniña das conciencias, sobre todo, dos extremos políticos, dereita e esquerda, nunha distinción imposible.
.
En Teherán hai uns meses xuntáronse os negacionistas de todo tipo que insultan a memoria dos sobrevivientes afirmando que minten, que nada do que din é certo. En recordo do Holocausto e contra esta inmensa falacia as institucións políticas sensibles fan actos e declaracións este día. Mágoa que en Galicia a actitude do BNG ao querer mesturar o complexo conflito territorial de hoxe co asasinato masivo nazi, imposibilitase a declaración institucional unitaria da mesa do Parlamento Galego. Os que impediron a lembranza dos mortos nos campos nazis califícanse sós. Eu non o farei.

quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009

O BNG e o recorda das vítimas do Holocausto. Por Pedro Gómez-Valadés


Por Pedro Gómez-Valadés

.
O día internacional de recordo das vítimas do holocausto é un día instaurado por Nacións Unidas no ano 2005 co obxectivo de honrar aos millóns de mortos que o delirio hitleriano provocou no corazón da nosa Europa na metade do século pasado. Di textualmente a resolución 60/7 que dá orixe ao día: “A Asemblea Xeral decide que as Nacións Unidas designen o 27 de xaneiro como Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto”. Pode un concordar ou non coa necesidade da data, mais o que ninguén honestamente pode afirmar é que o sentido do día, da conmemoración, estean minimamente confusos. Memoria das Vítimas do Holocausto. 27 de Xaneiro. O día en que as tropas soviéticas entran no horror do campo de exterminio de Auschwitz. Non é preciso ser deputado para decatarse da claridade.Desde o ano 2005 infinidade de foros no mundo democrático instauraron a data como recordatorio do que aconteceu e non debe volver suceder. Lembremos que non hai moitos anos a poucas horas de voo desde Galiza, na nosa civilizada Europa, asistimos nos Balcáns a episodios xenocidas que fixeron rememorar tempos que algúns pensaban definitivamente superados. Sbrenica deixou claro que a didáctica democrática nunca é dabondo á hora de neutralizar posíbeis crimes contra os dereitos humanos por moi próximo que estea o lugar da nosa sala de estar.
.
Cando no ano 2007 desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) presentamos aos tres grupos parlamentares na cámara galega a petición de que o noso Parlamento se sumase ás celebracións do día, a resposta foi magnífica e rápida. Malia o período non hábil, a Presidenta Dolores Villarino trasladou a proposta aos tres grupos que en Deputación permanente subscribiron unha solemne declaración institucional que colocou ao noso Parlamento á altura dos da nosa contorna.A nosa decepción e sorpresa veu cando este ano 2008, cunhas previas semellantes para un día que conmemora o asasinato industrial de millóns de seres humanos, e cando dous dos grupos parlamentares, PPdG e PSdG-PSOE estaban decididos a aprobar este ano tamén unha declaración institucional, o G.P. do BNG co señor Carlos Aymerich na portavocía optou sorprendentemente por vetar, por imposibilitar o acordo e así boicotear a posibilidade de que por unanimidade a nosa cámara galega emitise, este ano tamén, un recordatorio en homenaxe ás vítimas do holocausto nazi, centos delas galegos e galegas republicanos mortos tamén en campos de exterminio.
.
A escusa posta polo GP do BNG foi que a data non debera esquecer as violacións dos dereitos humanos que a día de hoxe se cometen. Que o BNG non presentase ningunha proposta en ningún sentido até recibir a petición da devandita declaración, amosa a falsidade do argumento. A insistencia “innegociábel” en palabras do propio Sr. Aymerich de que a declaración fora metade recordatorio vago e confuso do holocausto e metade condena firme ao estado de Israel hoxe, imposibilitaron o acordo necesario das tres forzas parlamentares. Seica o BNG e como coartada para tentar xustificar o inxustificábel, manifesta que non podía aprobar ningunha declaración sen que incluíra unha condena explícita das políticas actuais do estado de Israel. É lexítima calquera crítica que o BNG queira formular. E o BNG soberano para manifestar o que así considere sobre este e calquera outro conflito. Pero insistir no caracter “innegociábel” da súa proposta co argumento dos dereitos humanos hoxe, resúlta dun patetismo sumo.
.
Se fora verdade o manifestado como torpe desculpa polo BNG, no recordatorio das violacións de dereitos humanos no mundo deberan aparecer infinidade de casos flagrantes como os milleiros de homosexuais executados pola súa condición na república islámica de Irán. Os milleiros de monxes literalmente desaparecidos diante das cámaras de TV na ditadura militar birmana. Os centos de miles de desprazados ou directamente asasinados en Darfur. Os centos de presos políticos na Cuba castrista. O xenocidio brutal ao que é sometido o pobo tibetano por parte da China olímpica. A lenta agonía nos campos de refuxiados dos saharauis esquecidos de todos. Pero non, o BNG decidiu responsabilizar con efectos retroactivos aos millóns de vítimas xudeas do Holocausto en virtude da súa “culpa” na non resolución do conflito árabe-israelí 60 anos despois dos fornos crematorios.Puido o BNG aprobar a Declaración solemne institucional de recordo das Vítimas do Holocausto nazi. Si. Tiña o BNG a posibilidade de presentar unha e dez resolucións separadas para condenar a política actual do Estado de Israel. Si. Pero a realidade foi que o BNG imposibilitou o acordo e deixou sobre o noso Parlamento, sobre a nosa casa común de galegas e galegos a vergonza dunha actuación miserábel que non ten xustificación honrada posíbel. Cantos millóns de mortos serían necesarios para que o BNG se sumase sen ambiguedades á condena?

segunda-feira, 23 de fevereiro de 2009

O violín de Auschwitz. De Angels Anglada


De Angels Anglada
Edicións Xerais de Galicia
.
O violín de Auschwitz narra a historia de Daniel, un xove violeiro xudeu internado no campo de exterminio de Auschwitz, onde as condicións de vida son infrahumanas e os castigos e a morte son compañeiros habituais dos presos que sobreviven nesta porta do inferno. O comandante do campo, Saukel afeccionado á música clásica, descobre o auténtico oficio de Daniel e decide poñelo a proba: faralle construír un violín, coas medidas dos Stradivarius, que ten que ser perfecto. Daniel, sen sabelo primeiro, é obxecto dunha aposta entre o comandante e o sádico médico da SS Rascher.
.
Esta historia inesquecible e conmovedora, está coidadosamente reconstruída pola autora, que intercala documentos reais que amosan a inmensa crueldade do xenocidio nazi. A música –presente en toda a novela como contrapunto que proporciona harmonía a un ambiente deshumanizado e miserable–, a minuciosidade do proceso de construcción do violín nunhas penosas condicións, e a solidariedade e amizade como únicos recursos contra a arbitrariedade e inxustiza, son compoñentes básicas da novela, que foi levada ao cine por Jaime Camino
EDITA: Edicións Xerais de Galicia

Enderezo descoñecido. De Kressmann Taylor


de Kressmann Taylor
Edicións Xerais de Galicia

Cando "Enderezo descoñecido" se publicou por primeira vez en 1938 causou gran sensación pola crueza coa que expoñía diante da opinión pública norteamericana o veleno do nazismo dende os seus inicios. Axiña obtivo vendas espectaculares e foi editada en Inglaterra e traducida a outras linguas, sendo considerada como unha obra perfecta. En 1939, a traducción holandesa desapareceu das librerías e, coincidindo coa ocupación nazi, a única presencia da novela en Europa foi na lista de libros prohibidos do Reichskommisar. A historia permaneceu descoñecida no continente durante sesenta anos máis, malia o impacto e o gran éxito que acadara nos Estados Unidos e Inglaterra. Trala súa reedición en 1995, para conmemorar o cincuenta aniversario da liberación dos campos de concentración, chegou ás mans de Henri Dougier, o editor francés da revista Autrement, quen decidiu publicala convencido da súa importancia para as víctimas do nazismo e para toda a comunidade europea.
.
A partir de entón, a novela foi traducida ao italiano, hebreo, alemán, grego, noruegués, sueco, danés, portugués, español e catalán. Agora, Xerais ofrécea en edición galega, traducida por Emma Lázare Rodríguez. Escrita en forma epistolar pola norteamericana Kressman Taylor, Enderezo descoñecido conta a sorprendente historia de dous amigos e socios propietarios dunha galería de arte en California, Max Eisenstein, xudeu estadounidense, e Martin Schulse, alemán, que retorna ao seu país en 1932, coincidindo co ascenso do partido nazi. Esta obra, breve e intensa, representa un dos máis estarrecedores alegatos contra o nazismo, cuxo rostro perverso se nos fai patente ao longo da correspondencia entre os dous personaxes. Aclamada pola crítica de todo o mundo, foi considerada polo The New York Times Book Review como “a denuncia máis efectiva que se pode facer contra o nazismo en literatura de ficción. É a perfección mesma”.
EDITA: Edicións Xerais de Galicia

Diario. De Anna Frank


Diario
Anna Frank
O Diario de Anna Frank, desde a súa primeira edición en 1947, foi traducido a preto de 60 linguas e se teñen impreso máis de 20 millóns de exemplares. Tamén contou con distintas versións cinematográficas e tetarais. Por primeira vez, as verbas de Ana Frank -no ano en que se celebra o 75 aniversario do seu nacemento- cobran vida en galego, nunha edición da máxima calidade que está á venda xa nas librerías galegas. Como valor engadido, esta edición contén cinco páxinas inéditas do diario, que viron a luz por primeira vez hai dous anos. A Editorial Kalandraka presenta unha coidadísima e fermosísima edición en tapa dura e ilustrada con 17 fotografías artísticas de André Pinal. O fotógrafo fai unha dupla, e mesmo unha tripla lectura reflexiva, unha ollada emocional, poética e literaria. Afastándose dos elementos histórico-documentais da obra, André Pinal capta momentos, espazos, paisaxes, imaxes que deixan pegada no lector, que suxiren e evocan emocións presentes na autora e protagonista de historia e que acaban sendo, a un tempo, tamén do lector: a angustia, a tristeza, a esperanza, o desexo de ir cara adiante, de superar a adversidade, de enfrontarse ao descoñecido.Todos estos elementos fan de DIARIO DE ANA FRANK unha obra redonda, única, necesaria e imprescindíbel nestes tempos.
.
DIARIO DE ANA FRANK
"Espero confiarche todo como non puiden facer con ninguén ate agora, que sexas para min un gran apoio"... Así comezou o 12 de Xuño de 1942 o seu diario unha rapaciña de 13 anos chamada Ana Frank. Ana pertencía a unha familia xudea alemana afincada en Ámsterdam. Durante a Segunda Guerra Mundial víronse obrigados a esconderse nun refuxio para evitar seren levados aos campos de concentración nazis. Dende o día do deu décimo terceiro aniversario, no que recibe de agasallo un diario, a cativa vai relatando as vivencias súas e da súa familia, e as persoas que compartiron con eles o encerro. Ana confía ao diario os seus medos, inquedanzas, o espertar á súa propia madurez, chegada de volta polo cambio repentino ao que a súa vida foi exposto, o cambio operado na xente que a rodeaba e os terribles acontecementos, o xenocidio e a barbarie que no exterior, fóra do "Cuarto de atrás", vivía o pobo xudeo. Ana analiza e relata cunha ollada, primeiro inocente e co paso do tempo máis adulta e crítica, a vida en tres niveis: os procesos de cambio dentro do si mesma, o descubrimento do seu propio corpo, dos seus sentimentos; a relación coas persoas que compartiron con ela a obrigada reclusión (os seus pais, a súa irmá, o matrimonio Van Daan e o seu fillo Peter); e a realidade política e social do seu arredor. O diario se ve interrumpido no ano 1944, cando a familia Frank e a Van Daar foron descubertos pola Gestapo e levados ao infelizmente famoso campo de concentración de Auschwitz. Ana faleceu en Berger-Belsen un ano despois de ser detida. O que en principio puido ser o diario dunha adolescente anónima, tense convertido en todo un símbolo, unha historia que pasou a formar parte da memoria histórica colectiva, un testemuño de milleiros de voces caladas durante o Holocausto.Hoxe máis que nunca un libro de obrigada lectura co pracer engadido de telo tamén traducido e editado na vella lingua de Rosalia.
EDITA: Edicións Kalandraka

Sálvate Elías! . De Elisabeth Brami e Bernard Jeunet


Sálvate Elías!
De Elisabeth Brami e Bernard Jeunet
Editorial Kalandraka

.
Fómonos sen botar a chave. Mamá choraba. Era unha mañá de xuño, pouco antes do final de curso. Eu estaba xogando ás damas con trociños de pan sobre o hule a cadros da cociña. O señor Perrier, o veciño, que era policía, chamou á porta.
"Sálvate Elías!" é un libro tanto para nenos como lectores adultos. Un libro para toda a vida, que sempre permanecerá na memoria. Un libro que os máis pequenos comprenderán aos poucos, a medida que saiban que son as guerras, os efectos que producen nas súas vítimas e a pegada que deixan na nosa historia. O protagonista deste relato ambientado en Francia é un neno xudeu de sete anos ao que os seus pais deixan ao coidado duns granxeiros para protexerlle da persecución que sofren os xudeus durante a II Guerra Mundial. Con outra identidade e unha familia postiza, Elías afronta a nenez, unha etapa da vida na que os sentimentos teñen unha forza incalculable: forza, valentía, pero tamén medo e desconfianza a que descubran a súa verdade. Elías non quere perder a esperanza de que os seus pais volvan algún día a por el. Mentres, a realidade ofrécelle a súa cara menos amable: ridiculizano no colexio, os maiores rexéitano pola súa orixe xudea e só é amable con el unha nena, que lle fai espertar emocións especiais. Elías atópase indefenso ante un mundo sen piedade, capaz de aniquilarse a si mesmo e á súa principal fonte de futuro: a infancia. O libro está dedicado a nenos que, como Elías, sobreviviron á masacre que padeceu o pobo xudeu; pero sobre todo, a aqueles que non tiveron esa sorte. Élisabeth Brami crea un relato rebosante de sensibilidade que atopa o seu complemento ideal na orixinal e laboriosa proposta artística de Jeunet, baseada nas técnicas do collage e a escultura en papel e cartón, caracterizada pola meticulosidade dos detalles e os tons sombríos, que acentúan a sensación de angustia que transmite a historia.
Edita KALANDRAKA

domingo, 22 de fevereiro de 2009

A historia de Erika. De Ruth Vander Zee e Roberto Innocenti


A historia de Erika
De Ruth Vander Zee e Roberto Innocenti
Editorial Kalandraka
.
Este libro marabilloso, "A HISTORIA DE ERIKA", e con el a editorial Kalandraka, conmemorou o aniversario da liberación do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau. A historia, ilustrada esplendorosamente, foille narrada á autora pola propia Erika. É un fermoso e desgarrador canto de vida e esperanza diante do horror. Conta Primo Levi que o 27 de maio de 1945 entraron no campo de concentración de Auschwitz soldados rusos a cabalo do 60º exército do primeiro fronte de Ucraína, que avanzaba ás ordes do xeneral Koniov para Silesia, en dirección a Berlín. Os soldados quedaron espantados ao ver a máis de sete mil homes, mulleres e nenos que aínda quedaban alí, esqueletos errantes de mirada perdida en medio dun silencio ensordecedor. Este maléfico campo fora erguido polos alemáns en maio de 1940 e entre 1942 e 1944 exterminouse a máis dun millón e medio de xudeus e doutras nacionalidades, entre elas case 200 galegos. A historia de Erika conmemora o 60 aniversario da liberación de Auschwitz, que se celebrou en toda Europa o pasado 27 de xaneiro.
.
O Parlamento Europeo fixo unha declaración escrita rendendo homenaxe a todas as vítimas que perecieron a mans dos verdugos de Hitler.Erika unicamente sabe que naceu en 1944 pero descoñece a data exacta do seu nacemento, o seu nome auténtico, o que lle puxeron os seus pais; tamén descoñece a cidade ou o país no que veu ao mundo. Non sabe se tivo irmáns, nin como se chamaba o seu pai e a súa nai, nin coñece nada da súa familia. Nada. Pero aínda que Erika ten unha historia tráxica é unha supervivente do Holocausto. Non coñece pero quere imaxinarse como deberon ser os poucos días que pasou coa súa familia, ela era un bebé, como se sentirían os seus pais ao ter que abandonar a súa casa e os seus bens, obrigados polas tropas alemás a vivir nun gueto. Pero se no gueto vivían mal, rodeados de fame e enfermidades, moito, moitísimo peor foi cando os conduciron, a milleiros de xudeus portadores todos eles dunha estrella de David no peito para ser prontamente localizados, a uns trens infectos con destino incerto. Hacinados, sedentos e famentos, transportados en vagóns para gando, Erika nada lembra, pero imaxina como a abrazaría a súa nai para protexela do fedor, os berros, o espanto que se vivía naquel comboio.
.
Estaría o seu pai a carón dela? Tomarían ambos a terrible decisión? E Erika, deixando voar a súa imaxinación, pensa que a súa nai debeu envolvela agarimosamente cunha manta, a bicaría, a abrazaría con forza, pronunciaría o seu nome por derradeira vez con bágoas nos ollos. E executou a desgarradora decisión. Cando o tren reduciu a marcha, lanzou a Erika a unha plataforma. Isto é o que imaxina Erika. Pero o que sabe a ciencia certa é o que pasou despois. Caeu sobre a herba xunto a un paso a nivel. Non se fixo nin un rasguño. Alguén a recolleu e a entregou a unha muller para que a coidase. Esa muller púxolle unha data de nacemento e deulle un nome, alimentos, un fogar, a escola... a vida que máis de seis millóns de xudeus perderon nos campos da barbarie.
EDITA:Editorial Kalandraka

O neno do pixama a raias. De John Boyne


O neno do pixama a raias
De John Boyne
Editorial Faktoria K
.
...Cremos que é importante empezar esta novela sen saber de que trata. Nembargantes, se decides embarcarte na aventura, debes saber que acompañarás a Bruno, un neno de nove anos, cando se muda coa súa familia a unha casa onda unha cerca. Hai milleiros de aramados coma ese en moitos sitios do mundo; só desexamos que nunca te atopes con ningún, e se o fas, que teñas forza para librarte del... Esta novela do escritor irlandés John Boyne vén de converterse nun fenómeno editorial de alto nivel: traduciuse a máis dunha vintena de idiomas, xa leva vendidos 100.000 exemplares en castelán, foi líder de ventas en Irlanda durante 35 semanas e tense feito unha adaptación cinematográfica. Unha fábula literaria para todos os públicos, que bebe de fontes como Charles Dickens, John Irving, Philip Roth, Anne Tyler ou Alexandre Dumas... Existen no mercado editorial moitas propostas sobre esta temática, pero poucas en galego e do calado de "O neno do pixama a raias". A esta súmanse títulos como "A historia de Erika", de Ruth Vander Zee e Roberto Innocenti (dispoñible en galego), "Sálvate Elías!", de Elisabeth Brami e Bernard Jeunet (dispoñible en galego), e "Diario de Ana Frank" editados todos eles pola editorial KALANDRAKA.