segunda-feira, 27 de julho de 2009

O Yad Vashem


Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región (21-07-2009)


O outro día faláballes do Yad Vashem de Xerusalem. Se cadra o lembran vostedes porque o ano pasado recibiu o premio Príncipe de Asturias nalgunha modalidade que non lembro, pero que sen dúbida tería que ver coa conservación da memoria ou da xustiza humana. Porque o Yad Vashem é un complexo que ocupa unha cuíña nunha estrema da cidade nova de Xerusalém leste, a zona xudía, dedicado á conservación da memoria. Esta homenaxe estrutúrase en catrou ou cinco seccións principais. As máis coñecidas son o bosque dos xustos entre as nacións, lugar onde cada árbore conmemora a lembranza dunha persoa que axudou a un ou varios xudeus a escapar do holocausto, e o Museo que é un emotivo repaso á historia do antisemitismo e da ‘shoáh’ ou exterminio no tempo dos nazis. Segue o Arquivo da memoria onde teñen millóns de documentos administrativos e miles de testemuños persoais gravados, e a Escola internacional onde a través de diversos cursos para xentes provenientes de todo o mundo promocionan a reflexión ética sobre a necesidade de transmitir o horror do exterminio industrial de seis millóns de persoas, despois das decisións administrativas e da colaboración colectiva de xentes do común, coma vostede ou coma min. Sobre todo aquí, en contacto directo co vangarda intelectual da comunidade xudía o que xorden son preguntas para as que hai poucas respostas. E o Yad Vashem non é a lembranza só das xestas heroicas, pero tamén do sufrimento dos presos en terribles desacougos vitais.
O outro día, por exemplo, escoitamos a un velliño de 95 anos que foi violinista e enxeñeiro en Auschwitz. Fixo el ilusionado as cinco horas de autobús desde Eilat, sobre o Mar Vermello, a Xerusalem para contarnos o seu testemuño e amosarnos no seu brazo co seu número aínda tatuado o mesmo día de entrada no Campo. Díxonos cousas terribles na vella lingua sefardita aprendida na súa infancia na cidade de Salónica. Entre elas, que el nunca pasou fame en Auschwitz.Con crueza e xenerosidade vimos nel o debate eterno e irresoluble sobre os dilemas da vida. ¿Que facer? ¿Non é máis fácil deixarse morrer ou deixarse matar que empeñarse tratar de facer o posible por conservar algo de vida? Aquí acollen como parte deles a todos os xudeus en todas as respostas. A multitude de datos novos, de diarios e entrevistas sinalan que os xudeus sabían de campos de traballo, pero non dos seis de exterminio porque ninguén saía deles vivo. Pero moitos que non eran de exterminio non foron mellores. Un exemplo destes dilemas. No gueto de Vilna o xefe nazi decidiu que a familia xudía eran pai, nai e dous fillos. Non máis. Os pais debían escoller dous. A alternativa era a morte de todos. Coñecese como o dilema de Vilna. ¿A resposta correcta? Non a hai. Non hai resposta. Moitas veces non hai respostas correctas a esgazadoras preguntas inhumanas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.