domingo, 26 de abril de 2009

Entrevista a Franz Stangl, comandante do Campo de exterminio de Treblinka


Entrevista a Franz Stangl, comandante do campo de exterminio de Treblinka: "Poucas veces víaos coma individuos".
Unha entrevista de Gita Sereni
.
O seguinte é un fragmento da entrevista aparecida no libro "Holocausto e Memoria" (de Israel Gutman, editado por Yad Vashem) na que poden apreciarse os aspectos, aínda que pareza contraditorio, máis terriblemente humanos do nazismo e os seus protagonistas máis comprometidos coa traxedia. Stang, nacido en Asustria, foi designado en 1940 como supervisor dun dos institutos da Operación Eutanasia. En marzo de 1942 foi nomeado comandante do campo de exterminio de Sobibor. Desde setembro de 1942 ate agosto de 1943 comandou o campo de exterminio de Treblinka. Logo de finalizada a guerra fuxiu a Brasil. En 1967 foi extraditado e xulgado en Alemaña. En 1970 foi sentenciado a cadea perpetua e en 1971 morreu no cárcere. A entrevista foi realizada en prisión Dusseldorf.
.
-Podemos dicir que estaban afeitos aos aniquilamientos?
-A dicir verdade, si, afíxémonos aos aniquilamientos.
-No seu caso tardou días, meses ou anos?
-Meses. Pasaron uns meses ate que puiden mirar a algún deles aos ollos. Reprimíao a través do intento de crear un lugar especial: xardíns, cuarteis novos...
-Aínda así, aínda sen dúbidas, había momentos nos que non podía evitar pensar niso?
-O único que me axudaba era a bebida. Todas as noites levábame á cama unha botella de brandy e bebía. Claro que os pensamentos xurdían, pero eu expulsábaos.
-Sería acertado dicir que xa ao final, para vostede, non eran seres humanos?
-Cando anos despois estaba de viaxe en Brasil o meu tren parou xunto a un matadoiro, o gando -ao escoitar o ruído do tren- achegouse ao cerco e os animais fixaron os seus ollos no tren. Amoreábanse uns contra outros e mirábanme. Entón pensei: - Míraos, recorda a Polonia, exactamente así miraba a xente, con confianza antes de que os meteran en latas de conserva. Logo diso non puiden comer máis carne enlatada, eses grande ollos que me miraban sen saber que nun breve lapso de tempo morrerían
-Non pensaba que eran seres humanos?
-Carga. Eles eran só cargamento.
-Cando empezou a pensar neles como unha carga?
-Creo que cando vin por primeira vez o Totenlanger (a sección do campo onde se asasinaba ás vítimas). Recordo como Wirth (un dos comandantes da Operación Reinhard) estaba alí parado xunto ás fosas repletas de cadáveres azulados. Iso non tiña ningunha relación coa humanidade. Era unha masa de carne en putrefacción. Wirth dixo: - que faremos con todo este lixo? Creo que foi isto o que me fixo que pensase neles como unha simple carga.
-Había alí moitos nenos. Nunca lle fixeron pensar nos seus fillos ou en como vostede se sentiría se estivese no lugar deses pais?
-Non, non podo dicir que non o pensara nunca, pero moi poucas veces víaos como individuos. Ás veces parábame no muro e víaos coa "mangueira" como podo explicalo...eles estaban alí espidos, amoreados. Corrían todos xuntos, acelerados polo látigo.
-Non podía vostede cambiar as cousas, pór fin ao espido, aos látigos, ás atrocidades do matadoiro?
-Non, non. Ese era o sistema. Wirth inventouno. Funcionaba ben e como funcionaba era imposíbel cambialo.

sábado, 25 de abril de 2009

Discurso de Shimon Peres no día da Shoáh

Discurso do presidente do Estado de Israel, Shimon Peres, na cerimonia de apertura do Día de recordación dos mártires e heroes do Holocausto. Yon Hashoáh

Primeiro Ministro Binyamin Netanyahu,
Voceiro da Knesset Reuven Rivlin,
Presidente da Corte Suprema de Xustiza, Dorit Beinish,
Rabinos Principais, Rabbi Shlomo Moshe Amar e Rabbi Yona Metzger,
Presidente do Consello de Yad Vashem, Rabbi Israel Meir Lau,
Presidente da Xunta Directiva de Yad Vashem, Sr. Avner Shalev,
Sobrevivientes do Holocausto,
Xustos entre as Nacións,
Distinguidos invitados,
.
6 millóns de xudeus foron asasinados polos nazis e os seus colaboradores, simplemente porque eran xudeus. 1,5 millón de nenos foron aniquilados, só porque pertencían ao pobo xudeu. Chamábanse Moshe, Abraham, Rivka e Leah; mesmo aínda antes de entender o significado dos seus nomes. Un de cada 3 do noso pobo foi masacrado durante aqueles 6 anos. Cada vítima ten un nome. Cada xudeu asasinado tiña un futuro. O xenocidio cometido polos asasinos nazis foi un crime histórico de proporcións sen precedentes.
.
O Estado de Israel é a nosa vitoria histórica sobre a besta nazi que removeu ceo e terra en Europa. A introspección sobre o Holocausto non finalizou e nunca debería terminar, nin por nós nin polo mundo en xeral. O nazismo foi derrotado, pero o antisemitismo aínda vive, e ben. O gas disipouse pero o veleno permanece. Aínda existen negadores do Holocausto e impetuosas cabezas rapados no mundo, aqueles que cargan coa clase de odio visceral que leva ao asasinato racista.
.
A Conferencia, que se inaugura hoxe en Xenebra, constitúe unha aceptación do racismo, máis que a loita contra o mesmo e, o seu principal orador, é Ahmadinejad, que chama á aniquilación de Israel e nega o Holocausto. Están, tamén, os Xustos entre as Nacións: nunca esqueceremos o seu heroísmo. A crítica ao Estado Xudeu está matizada co arrepiante antisemitismo. Entre aqueles que colaboraron cos nazis e os que apoiaron e deixaron que o Holocausto ocorrese, están os que critican que, un Estado, se levantase para dar refuxio aos sobrevivintes do Holocausto. O único Estado que evitará outro Holocausto.
.
O antisemitismo non é unha enfermidade xudía, e a súa cura incumbelles a aqueles que o perpetran. É difícil alcanzar a comprender por que déspotas, tales como o nazi Hitler, o bolxevique Stalin e o persa Ahmedinejad elixen aos xudeus como obxectivo principal do seu odio, tolemia e violencia. Talvez apuntan cara ao pobo xudeu polo seu poder espiritual -unha nación pobre en posesións materiais aínda que rica en valores- xa que o que está infectado de megalomanía teme o poder do espírito.
.
Os xudeus non adoran a ídolos ou autoridade, e o seu D-us deu á humanidade a súa conciencia. Fomos os primeiros en crer que, cada persoa, é creada a imaxe de D-us, e recibimos a orde de santificar a vida, evitar o asasinato e a discriminación. Aprendemos que a nosa herdanza espiritual depende da seguridade física. Un pobo que perdeu un terzo dos seus membros, un terzo dos seus nenos no Holocausto, non esquece e non pode ser tomado desprevido. Por tanto, a primeira lección que aprendemos do Holocausto foi a necesidade de establecer, de inmediato, un Fogar Nacional xudeu -un Estado xudeu.
.
Sen o mesmo, os sobrevivintes estarían sen fogar e as súas vidas permanecerían expostas e libradas á destrución. O Estado de Israel non é, só, o escudo protector dos xudeus, senón un ideal de importancia histórica: ser unha nación cunha mensaxe moral. A existencia e herdanza están inextricablemente unidas. Nunca pedimos, a outras nacións, que nos defendesen, e tomamos a decisión que, o conflito espiritual, non nos dividise. Non permitiremos que, a memoria do Holocausto se reduza, e debemos asegurar que os seus portadores non diminúan en número. O Estado xudeu debe asegurar a continuidade do pobo xudeu, porque o noso pobo ten só un país.
.
Os nosos patriarcas deron, hai 3000 anos, ao mundo os Dez Mandamentos e aínda non hai necesidade dunha versión actualizada. A grandeza do pobo xudeu deriva do poder do seu espírito. Israel debe ser exemplo para os seus nenos, e fonte de orgullo para aqueles xudeus que non viven aquí. O pobo xudeu axudou a establecer o Estado, e o Estado debe, agora, axudar ao seu pobo; preservar a súa identidade, dar aos seus fillos unha educación xudía, e permitir aos xudeus que os seus descendentes permanezan sendo xudeus.
.
As FDI deron seguridade ao Estado de Israel, cuxas almas están sedentas de paz. Segundo a visión de Israel a paz non é só unha cuestión de sabedoría política, senón un imperativo xudeu fundamental. Nunca nos propuxemos conquistar. Non corremos cara á dominación. Rexeitamos a señoría, combatemos a discriminación, protestamos contra a escravitude, prohibimos a violencia. Cremos na preeminencia do home, e rezamos polo Tikun Olam (Corrección do Mundo) e a paz mundial. Fomos golpeados non só polo horror, sen precedentes, do Holocausto, senón tamén pola fortaleza extraordinaria do noso pobo. Esta é unha lección para o futuro: combinar fe e poder. Ser un pobo xusto nun mundo xusto. Quen queira tentar crebar o noso espírito, aprenderá que ese alento non pode ser extinguido. Aínda que o noso barco sexa angosto, hai un poderoso vento que sopra a través das súas velas.
.
O Holocausto estará, sempre, nos nosos corazóns e dámonos/dámosnos conta de que é moito o traballo por diante: construír un Estado que sexa digno do sacrificio dos nosos antepasados e unha resposta ás pregarias dos seus fillos.
22 de Abril de 2009

Simón Wiesenthal

sexta-feira, 24 de abril de 2009

Discurso de Barack Obama no dia da Shoáh


Día da Recordación do Holocausto - Yon HaShoáh
Capitolio, Washington, 23 de abril de 2009
Grazas. Moitas grazas. Grazas. Por favor, tomen asento. Moitas grazas. A Sara Bloomfield, pola súa marabillosa introdución e o extraordinario traballo que está a facer; a Fred Zeidman, Joel Geiderman, Sr. Wiesel, grazas pola vosa sabedoría e o voso testemuño; Presidente da Cámara de Representantes Nancy Pelosi; Senador Dick Durban; membros do Congreso; os nosos bos amigos, o embaixador de Israel; membros do Consello do Memorial do Holocausto dos Estados Unidos e, o máis importante, aos sobrevivientes e salvadores e ás súas familias que están hoxe aquí: é unha gran honra para min estar aquí e estou agradecido de ter a oportunidade de dirixirlles a palabra brevemente.
.
Reunímonos hoxe para lamentar a perda de tantas vidas e para homenaxear a aqueles que salvaron vidas, para honrar a aqueles que sobreviviron e para meditar acerca das obrigas do vivir. É a máis triste das ironías que un dos máis salvaxes e bárbaros actos do mal na historia comece nunha das máis modernas sociedades do seu tempo, onde tantos indicadores do progreso humano convertéronse en ferramentas de depravación humana: ciencia que pode curar, usada para asasinar; educación que pode iluminar, usada para desracionalizar os impulsos morais básicos; a burocracia que sostén a vida moderna, usada como maquinaria de morte masiva, un desapiadado, fríamente eficiente sistema onde moitos foron responsábeis polo asasinato, pero poucos realmente tiveron sangue nas súas mans. Ao mesmo tempo que o excepcional do Holocausto, en alcance e método, é verdadeiramente aturdidor, o Holocausto foi accionado por moitas das mesmas forzas que alimentaron atrocidades ao longo da historia: o uso de chibos expiatorios que leva ao odio e non nos deixa ver a nosa común humanidade; as xustificacións que substitúen á conciencia e permiten que a crueldade se expanda; a boa disposición daqueles que non son nin perpetradores nin vítimas, para aceptar o asignado papel de espectador, crendo a mentira de que a boa xente nunca ten poder ou está sempre soa, a ficción de que non temos elección.
.
Ao mesmo tempo que estamos hoxe aquí para dar testemuño da capacidade humana para destruír, tamén estamos aquí para render tributo ao impulso humano para salvar. Na contadoría moral do Holocausto, cando computamos números como 6 millóns, cando lembramos o horror de números gravados nos brazos, tamén tomamos como factor números como estes: 7.200, o número de xudeus daneses levados en barcos á seguridade, moitos dos cales volveron aos seus fogares para atopar que os veciños que os rescataron tamén coidaron fielmente as súas casas, os seus negocios e as súas pertenzas mentres estaban ausentes. Lembramos o número cinco, os cinco homes e mulleres xustos que se uniron hoxe a nós desde Polonia.
.
Somos debedores polos vosos actos de coraxe e conciencia. E a vosa presenza hoxe esíxenos a cada un de nós preguntarnos se teríamos feito o que vostedes fixeron. Só podemos esperar que a resposta sexa si. Tamén lembramos o número 5.000, o número de xudeus rescatados polas aldeas de Le Chambon, Francia, unha vida por cada un dos seus 5.000 residentes. Ningún xudeu que chegou aí foi botado ou entregado. Pero non foi senón décadas máis tarde que os poboadores falaron sobre o que fixeran, e aínda entón reticentemente. O autor dun libro sobre o rescate atopouse con que aqueles a os que entrevistou estaban confundidos polo seu interese: "Como pode vostede chamarnos bos?" dixeron. "Faciamos o que debía facerse".
.
Esa é a cuestión cos xustos, aqueles que fan un extraordinario ben cun extraordinario risco, non para afirmalo ou aclamalo ou para o progreso dos seus propios intereses, senón porque é o que debe facerse. Lémbrannos que ninguén naceu como salvador ou asasino. Estas son eleccións que cada un ten o poder de facer. Ensínannos que ninguén pode converternos en observadores sen o noso consentimento, e que nunca estamos verdadeiramente sós. Que se temos a coraxe de prestar atención a esa calada, pequena voz dentro de nós, podemos formar un minyan para a xustiza que pode abarcar unha aldea, até unha nación. O seu legado é a nosa herdanza. E a cuestión é, como a honramos e a preservamos? Como aseguramos que o "nunca máis" non sexa un slogan baleiro ou unha mera aspiración, senón tamén un chamado para a acción?
.
Eu creo que comezamos facendo o que hoxe estamos a facer -dando testemuño, loitando contra o silencio que é o máis grande conspirador do mal. Ao enfrontar os horrores que desafían a comprensión, o impulso ao silencio é entendíbel. O meu propio tío avó volveu do seu servizo na II Guerra Mundial conmocionado, dicindo pouco, só con dolorosos recordos que non abandonarían a súa cabeza. Subiu ao ático, de acordo coas historias que ouvín, e non baixou durante seis meses. El foi un dos liberadores, un que a unha moi tenra idade vira o inimaxinábel. E o mesmo algúns dos liberadores que están hoxe aquí honrándonos coa súa presenza, a todos os cales honramos polo seu servizo extraordinario. O meu tío avó foi parte da División de Infantaría 89, a primeira estadounidense en chegar a un campo de exterminio nazi. E eles liberaron Ordruf, parte de Buchenwald, onde decenas de miles pereceran.
.
A historia é que cando os estadounidenses entraron, descubriron aos sobrevivintes morrendo de fame e ás pilas de corpos mortos, e o xeneral Eisenhower tomou unha decisión. Ordenou aos alemáns da cidade veciña percorrer o campo de modo que puidesen ver o que se fixo no seu nome. E ordenou ás tropas estadounidenses percorrer o campo para que puidesen ver contra que loitaran. Entón convidou a congresistas e xornalistas para que deran testemuño, e ordenou que se fixesen fotografías e películas. Algúns de nós vimos esas mesmas imaxes, sexa no Museo do Holocausto ou cando visitei Yad Vashem. Elas nunca nos abandonan. Eisenhower dixo que quería estar en posición de dar evidencia de primeira man desas cousas se algunha vez no futuro desenvolvíase unha tendencia de atribuír esas afirmacións a mera propaganda. Eisenhower comprendeu o perigo do silencio.
.
Comprendeu que se ninguén sabía o que ocorrera, iso sería tamén outra atrocidade e sería, en definitiva, o triunfo dos perpetradores. O que Eisenhower fixo para rexistrar estes crimes para a historia é o que nós estamos a facer hoxe aquí. Iso é o que Elie Wiesel e os sobrevivintes que honramos aquí fan ao loitar para facer que as súas memorias sexan parte da nosa memoria colectiva. Iso é o que fai o Museo do Holocausto cada día no noso National Mall, o lugar onde exhibimos para o mundo os nosos triunfos e os nosos fracasos e as leccións que aprendemos da nosa historia. Isto é o completamente oposto ao silencio. Pero tamén debemos lembrar que dar testemuño non é o fin da nosa obriga, é só o principio.
.
Sabemos que o mal aínda segue o seu curso na terra. Vímolo neste século, nas tumbas colectivas, nas aldeas incendiadas, nenos usados como soldados, a violación usada como arma de guerra. Ao día de hoxe, están aqueles que insisten en que o Holocausto nunca ocorreu, que realizan toda forma de intolerancia, racismo, antisemitismo, homofobia, xenofobia, sexismo e máis odio que degrada ás súas victimas e nos diminúe a todos nós.
.
Hoxe en día e todos os días, temos unha oportunidade, así como tamén unha obriga, de confrontar estes flaxelos, de loitar contra o impulso de cambiar de canle cando vemos imaxes que nos disturban ou de envolvernos no falso confort de que os sufrimentos doutros non son os nosos. En lugar diso, temos a oportunidade de facer da empatía un hábito, de recoñecernos en cada outro, de dedicarnos a resistir a inxustiza, a intolerancia e a indiferenza, en calquera das formas que poidan adoptar, sexa confrontando a aqueles que din mentiras acerca da historia, ou facendo todo o que podamos para previr e terminar coas atrocidades como aquelas que tiveron lugar en Rwanda, aquelas que tiveron lugar en Darfur.
.
Ese é o meu compromiso como presidente. Espero que sexa o voso tamén. Non será fácil. Por momentos, cumprimentar estas obrigas require auto reflexión. Pero na análise final, creo que a historia nos dá motivo para a esperanza máis ben que para a desesperación: a esperanza dun pobo elixido que soportou a opresión desde os días do Éxodo, da nación de Israel emerxendo da destrución do Holocausto, dos fortes e duradeiros lazos entre as nosas nacións.
.
É a esperanza, tamén, daqueles que non só sobreviviron senón que elixiron vivir, ensinándonos o significado da coraxe, a resistencia e a dignidade. Hoxe estou a pensar nun estudo levado a cabo despois da guerra que atopou que os sobrevivintes do Holocausto que vivían en Estados Unidos tiñan, en realidade, unha taxa de nacementos máis alta que a dos xudeus estadounidenses. Que magnífico acto de fe, traer a un neno a un mundo que lles mostrou tanta crueldade, crer que a pesar de todo o que soportaron ou canto perderan, ao final tiñan unha obriga coa vida.
.
Temos razóns para a esperanza tamén nos nenos protestantes e católicos que asisten xuntos á escola en Irlanda do Norte; nos hutus e tutsis vivindo lado a lado, perdoando aos veciños que cometeron o imperdoábel; nun movemento para salvar a Darfur que ten miles de capítulos en escolas secundarias e universidades en 25 países e que convocou a 70.000 persoas no Washington Mall, xente de toda idade, relixión, orixe e raza unidos nunha causa común con irmáns e irmás sufrientes a medio camiño ao redor do mundo. Estes números poden ser o noso futuro, os nosos concidadáns do mundo mostrándonos como realizar o camiño da opresión á supervivencia, do testemuño á resistencia e, finalmente á reconciliación.
.
Iso é o que queremos dicir cando dicimos "nunca máis". Así que hoxe, durante esta sesión na que celebramos a liberación, a resurrección e a posibilidade de mención, individualmente e como nación, renovemos a nosa resolución de facer o que se debe facer, e esforcémonos cada día, individualmente e como nación, de estar entre os xustos. Grazas. Deus os bendiga e Deus bendiga aos Estados Unidos de América.
23 de Abril de 2009

quinta-feira, 23 de abril de 2009

El Mundo entrega en dvd a serie "Holocausto".

HOLOCAUSTO. A SERIE MÁIS PREMIADA DA TELEVISIÓN AMERICANA
• Prezo: 0,50 € cada dvd.
• A partir do mércores 29 de abril.
• Cada mércores, xoves e venres unha nova entrega.
O xornal EL MUNDO presenta a serie mais premiada da televisión americana. HOLOCAUSTO unha historia que ninguén debe olvidar. Durante a Segunda Guerra Mundial o mundo enteiro foi testemuña do mais monstroso crime da historia, o asasinato industrial de seis millóns de xudeus cometido polo réxime nazi ás ordes de Hitler. O Holocausto coma nunca foi contado. ENTRAR

Maus. De Art Spiegelman


MAUS
Autor: Art Spiegelman
Edita: Inrevés editora
Prezo: 25 Euros
296 páxinas
B/N

Maus é a biografía e o testemuño de Vladek Spiegelman, un xudeu polaco sobrevivente dos campos de exterminio nazis, contada a través do seu fillo Art, un debuxante de cómic que quere deixar memoria da aterradora persecución que sufriron millóns de persoas na Europa de Hitler, e das consecuencias deste sufrimento na vida cotiá das xeracións posteriores. Apartándose das formas da literatura creada até a data, Art Spiegelman aproxímase a este tema dun xeito absolutamente renovador, e para iso achégase á experiencia da súa propia familia e escolle o comic -a literatura debuxada- como forma narrativa, pondo en movemento todos os recursos estilísticos e narrativos tradicionais deste medio á vez que inventa outros novos. A radicalidade narrativa desta obra supuxo un antes e un despois no universo da novela gráfica ou cómic. "O certo é que Maus é un libro que non se pode deixar de ler, nin sequera para ir durmir. Cando dous dos ratos falan de amor, conmóvenche, cando sofren, choras. Aos poucos, a través deste pequeno conto que inclúe sufrimento, humor e superar as probas da vida cotiá, quedas cativado pola linguaxe desta vella familia do Leste de Europa e atrapado polo seu ritmo gradual e hipnótico. Cando terminas Maus dáche pena abandonar este mundo máxico (suspiras pola secuela que che fará regresar...)" - Umberto Eco. Un libro imprescindíbel.

Máis información:
-Entrevista a Spiegelman sobre Maus.
-Guía para profesores, con actividades para propor aos alumnos tras a lectura de Maus.
-Sección dedicada a Spiegelman na web da editorial USA.
-Reseña, por Nacho Illarregui.
-Reseña, por Valentí Vañó, na Guía do Cómic de UnderCómic (sen relación con guiadelcomic.com).
-Reseña, por Pedro Romero, en El Archivo de Nessus.
-Unha curiosidade en Con C de Arte: Unha historieta corta ("Rat") realizada a principios dos 70 que á unha sorte de versión previa de Maus (escaneada da edición española, na revista Star #41 ). Completase a curiosidade cunha comparativa de cambios realizados desde o boceto á páxina final en algunhas planchas.
-Preview de seis páxinas da edición española de Random House, en Tirafrutas.

segunda-feira, 20 de abril de 2009

Yon HaShoáh. No día da Recordacíon de 2009



As pinturas son obra de Jam Komski.

[-] O debuxo a man dun prisioneiro xudeu do campo Westerbork en Holanda.
[-] As insignias de diferentes cores que levaban os presos nos campos e o significado de cada unha
[-] Jan Komski, un artista polaco estivo en Auschwitz, pero logrou fuxir. Contou a súa historia en pinturas.
[-] Mapa de distintos campos de concentracion nazis
[-] O debuxo dun cativo xudeu checo que morreu en Auschwitz, desapareceu no Columbia e agora recibe homenaxe nun selo
[-] Historias de sobreviventes do Holocausto
[-] Diplomáticos e outras persoas que salvaron a vitimas dos campos de concentración.
[-] Fotos de experimentos médicos nazis
[-] Fotos aéreas de Auschwitz
[-] Os campos de concentración esquecidos
[-] Centro Anna Frank
[-] A web do campo de Auschwitz [fotos]
[
-] Homenaxe con testemuños en audio de vitimas
[-] Web de Mauthausen, con sección en español e o relato dun sobrevivente en video
[-] A Enciclopedia do Holocausto
[-] O arquivo dixital dos xuizos de Nuremberg
[-] Yad Vashem, a listaxe cos nomes das vítimas
[-] A Fundación creada por Steven Spielberg que grava en video os testemuños de sobreviventes
[-] Fundacion Raoul Wallenberg

quinta-feira, 16 de abril de 2009

quarta-feira, 15 de abril de 2009

O galego 4049 de Mauthausen. Por Manuel Rivas


Por Manuel Rivas
.
Estamos nunha casa de Négrepelisse, na prefectura de Tarn et Garonne, no departamento Midi-Pyrinées, en Francia. É o día 6 de agosto de 1945. Un home escribe unha carta o 6 de agosto. Vai para trinta anos. Naceu en San Miguel de Mones, na aldea do concello de Petín, Ourense, o 18 de novembro de 1915. Mais no seu aspecto semella que pasou o século enteiro como unha apisoadora por riba del. Agora non. Xusto agora, non. Porque está a escribir unha carta.Para el esa carta é máis importante que calquera outra cousa que se poida escribir. Moito máis importante que unha obra mestra. Talvez, de estabelecer algunha comparanza, a carta que escribe laboriosamente, porque non está afeito a escribir, porque leva moito tempo sen poder escribir, mesmo diriamos, e non sería esaxerado, que leva moito tempo sen vivir, pois esa carta, cunha letra que avanza a ritmo de buril en táboa de madeira, tería por título axeitado o de Á procura do tempo perdido, o que puxo Marcel Proust á súa magna obra.

Iso é o que fai Albino González. O galego que vai para trinta anos que chegou a Négrepelisse e que se puxo a escribir unha carta. Este home silandeiro escoita o son da súa propia escrita como unha "voz baixa" da Historia humana. El tamén anda á procura do tempo perdido. Marcel Proust transformou a enerxía da memoria en tempo de pescuda. Lembrar sería un ir á procura. E iso transformou a narración. Xa non só se trataría de facer biografía ou reflectir o pasado. O tempo da novela xa sería un novo tempo. O presente que contén o pasado e que presinte o futuro.Albino González, ao seu xeito, utiliza a técnica de Proust. Mais ten que ser cauto na expresión do seu lembrar, malia a escribir á persoa que máis quere no mundo. Escribe a María. Escribe a Ibiza. Non desexa lectores. Abonda con María. Sería un triunfo que María o lese. Mais el sabe que vai ter máis lectores. Lectores indesexábeis. Lectores secretos. Talvez apaixonados. Tan apaixonados que, esta tempada, en España, está de moda o andar á caza. Á caza do ser humano. Os da Censura Militar. Os da Censura Policial. Vai ti saber cantos lectores tivo a carta cando chegue a María, se é que chega a María. Porque María, pasado o tempo, é tamén un enigma.Vexamos o que escribiu Albino:"A mi inolvidable Marujita: Pienso que te extrañará mucho el recibir esta misiva mía tan tardía, pero la primera por la posibilidad.Maruja, después de cuatro años te escribo estas líneas para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti, en la lucha tan larga y dura que se me ha impuesto para vivir, no he olvidado por ello, el recuerdo de un ser que me ha sido siempre querido.
Yo pienso que te habrás casado o en todo lo mínimo te habrás ligado en amor a otro hombre, cosa que yo considero muy justa, si esto es así, no por ello olvido tu amistad ni tampoco debes hacerlo conmigo, y si por el contrario tu sigues aún queriéndome como yo a ti, espera poco más que días llenos de Felicidad que se aproximan para nosotros. Dime algo del que como yo fue tan informtunado, tu papá. Cuéntame algo más que yo a ti, yo tengo historia pero no para hoy, dale besos de mi parte con el amor de hijo a tu mamá, a Anita y a Lidya, y recibe inolvidable María el eterno amor de Albino".En Que é a literatura?, obra do 1948 que marcou durante anos o debate verbo do compromiso do escritor, Jean-Paul Sartre preguntábase por que e para que se escribe. Sabemos que Albino escribe a unha moza chamada María. Sabemos que escribe que á procura. Soña cunha noiva para o futuro. Mais hai un anaco na carta, unha febra deste tecido, que constitúe de seu un manifesto abraiante da condición humana, o agargalar nunha frase a realidade e o desexo. Albino condensa nesa frase todos os tempos e toda a experiencia do mundo. Sen nomealo, contén o horror. Sen citala, apoia na esperanza.
.
Non hai ningunha grandilocuencia, ningunha retórica, ningún ornamento, mais a construción é perfecta, imposíbel de mellorar:"Escribo estas líneas para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti".Son dezaseis verbas. Eis o porqué e o para quen. Se toda a linguaxe caera no Sil e as aureanas e aureáns que bateaban as augas co cunco para topar as pebidas de ouro tivesen que decantar unhas verbas, que máis quererían? Estou vivo e penso ti. Va que presta lanzar un xubiloso xuramento! Mais Albino escribe esta bomba informativa en voz baixa. Iso é o que leva facendo a humanidade perseguida dende sempre cando transmite a información esencial. Esa é a verdadeira Ars Poetica equivalente a como a define Archibald MacLeish:"A poem should not meanBut be"Dito ao xeito de Albino: O poema está vivo.Quen era Albino González?Un galego que loitara no Exército republicano, ferido de gravidade en Irún, e que se repuxera en Valencia, onde coñeceu a María Gómez cando ela tiña 16 anos. El volveu á fronte a loitar, pasou a Francia cando a caída de Cataluña e foi internado no penoso campo de Argelés. Cando a invasión nazi, Albino alistouse no exército francés. Detido polos alemáns, sufriu o destino de miles de españois republicanos. Os que levaban como marca o triángulo azul nos campos de exterminio nazis. Cando Franco e Serrano Súñer foron consultados polos xefes nazis sobre o destino destes españois recibiron a resposta de que os "verdadeiros" españois estaba en España. É dicir, estes dous grandes criminais non tiñan mortos dabondo no propio país senón que converteron en apátridas a miles de SP, os spaniards, heroicos españois nas gadoupas nazis. Albino foi levado ao inferno de Mauthausen co número de matrícula 4049.
.
No mesmo convoi ía o ourensán Juan González del Valle, con número de matrícula 4054, logo deportado a Gusen, coa matrícula 9035, onde morrería gaseado o 26 de novembro de 1941. Albino sobreviviu en Mauthausen. Cando foi liberado o 5 de maio de 1945, día en que entrou o Exército dos Estados Unidos, era un dos responsábeis clandestinos da resistencia naquel inferno.Algo sabiamos del polo que contara o fillo, Xesús González Gómez, sabio certamente en Ars Poetica e na historia das "voces baixas" da humanidade. Autor, entre outras pezas imprescindíbeis nunha biblioteca xerminal, de A lingua secreta. Entre nós, XGG. O valor dunha clave para protexerse do virus da amnesia. É el, XGG, quen agora publica no mesmo volume Cartas da noiva, de Albino González González, e El argonauta, de Juan Gómez Ripoll Campos (Edicions Documenta Balear). El argonauta é o comezo dunha novela truncada polo crime. O seu autor era Juan Gómez, o pai de María, pasado polas armas no cárcere provincial de Palma en 1942. Cando coñece a noticia da morte de Juan Gómez, Albino escribe a María: "Otros muchos conmigo juran ser vuestros padres, o relevar sus funciones, juran defenderos, juran sosteneros, y no hace falta jurar puesto que tú bien sabes quienes somos nosotros". Quen eran? As "voces baixas".
El País 21.11.08

Dabondo

"Holocausto" (en grego antigo: ὁλόκαυστον, ὁλον [todo] + καυστον [queimado]) todo aquelo que sabemos sobre o holocausto nazi será sempre para nós unha dualidade. nada do que sabemos parece ser suficiente para o comprender totalmente, no entanto aquelo que é do noso coñecemento é terríbel de máis para procurar saber máis. para desmembrar estas imaxes non precisamos certamente de ouvir con todo o rigor o son do craneo a bater contra a pedra dura das escadas, nin o ruído seco do tiro a saír da pistola. nada disto é necesario porque xá o sabemos mellor. mais do que aquilo que as proprias imaxes nos transmiten o que é importante percibir é aquelo que provocou estes acontecementos. Que tipo de argumentación maquiavélica provocará estes actos hediondos? tal como se fose un eco, unha tormenta dentro da cabeza de cada un dos personaxes o discurso de Hitler serve como base de fondo para a acción. ao ouvir o fluir dos seus discursos, a cadencia de argumentacións, o ton firme imposto a cada un dos movementos percibimos todas as implicacións que os seus ideais tiveron na nosa sociedade. (son discurso de Hitler en Nürember [1934]; discurso de Hitler [1932])


Pablo Escribano: testemuña de Mauthausen

O mar desde esa banda. Por Carlos Penela


Por Carlos Penela*


.Na traxedia insondábel e metódica que, noite a noite, se larvaba na raíz dos homes, aquel silencio era o único que remitía ao mundo, aquela pulsión do silencio era o único que daba un pouso de verdade e fuxida na madrugada hórrida e sen alma dos barracóns. Concentrarse naquel silencio, nas esferas últimas do silencio, pois, era quizais o único que podía dar paso a certo xeito de serenidade e ésta, se cadra, a algún recordo menor, semellante a algo tépedo e familiar. Por iso, como un illote perdido nunha sordidez imensa, oceánica, o prisioneiro tentou lembrar un otro mar, outro horizonte lonxe da cotación infernal do Lager. Fechou os ollos con forza, apertouse a si mesmo como quen acouga o abalo dunha nave á deriva e bisbillotando un breve nome tentou lembrar...outro mar, o escorzo luminoso e fresco do seu mar cando rapaz, o tacto real e vivo, aquel, dos limos da ría mentras enredaba apañando ameixa e caramuxo coa mamá e a madriña, cos primos, cos seus, tan lonxe.

.


Volveu repetir lento e fráxil, como se for algo moi valioso, aquel nome no idioma do seu mar e procurou formar así as imaxes de outrora, a xeira cansa dos veciños ao pé da praia, o regreso á tarde, os espellos tornasolados da beiramar. Cómo lle prestaban as cancións da madriña con aquela voz salgada e gasta, o brillo das patelas pesadas, cheas co xornal do día, as olladas piscas e paveras dos vellos, as carreiras cando ía facer os recados á tenda de coloniais. Daquela pensaba que o mundo sempre sería así, a roda lóxica das angueiras e os soños; cómo lle prestaba ficar deitado na duna quentiña, amodorrado logo da merenda, alí, aparvado ollando o ceu baixo e mol na cerna do verán, a pasaxe das gaivotas, sentindo a brisa mareira como unha certeza da infancia que sempre existiría.

.


Enriba do seu camastro arfaba ennovelado, cos laios vidrados pola disentería, Marek, o militante de orixe polaca; estivera de voluntario no frente de Aragón e ás veces falaba con el nunha sorte de lingua franca, castrapa, apenas intelixíbel. El fora quen lle advertira do que realmente significaba aquel lugar durante a viaxe do traslado, durante aquela travesía alucinada por camiños de ferro que se prolongou varios días desde as terras altas de Francia. Contoullo para que fora endurecendo o seu ser, para que o fora tensando, para que a súa sombra non fora ferida tan rápido pola maré de frío e desolación que agardaba, á espreita, no Lager. Na xelatina pestilente en que se convertera o ar escuro do vagón podía distinguir outros rostros cheos de medo que aínda comprendían menos aquel relato, tamén cabezas que asentían de xeito febril perante as palabras de Marek, bocas entreabertas, manchadas polo destrozo da desgraza e o esgotamento.

.


A burocracia da crueldade non axía de balde, o mozo polaco non se enganara. Desde os primeiros momentos comprendeu, como se algo vencera no seu interior de xeito miserábel, que era mellor dar os pasos que daba a maioría, levar ben visíbel o triángulo azul da chaqueta e non ollar nunca de frente aqueles rostros de papel (oficiais bradando cousas durísimas, executando á toa); por iso pensaba sempre nos contos de luces de ánimas das xuntanzas onda a madriña, cando fóra batía a galerna, para non sentir a tentación de cruzar o ollar con aquelas miradas acuosas, fantasmais dos SS. As vellas afirmaban que non había que mirar de frente aos defuntos porque, se non, a alma dun ficaba para sempre no seu feitizo e a vida baleirábase de nós. Por iso evitaba a atención dos capos, dos soldados ferrados con cans e trallas, para ficar desta banda das cousas, sobrevivindo cara adentro. Vira convois completos desaparecer no mesmo día en que chegaban ao Campo Central. O fervor ordenado e frío con que se mantiña aquela lei homicida puxérao a ramo da loucura; e con todo aínda estaba alí, con todo abocaba a vida como o fixera noutro tempo entre as liñas inimigas, entre as ráfagas de metralla, entre os días da derrota e o exilio.

.


Era aínda moi novo, daquela non sabía máis que o peso dalgo novo que dicían era a esperanza e as leituras acendidas e atrapalladas dos boletíns atrasados que lle enviaban os da Célula. Rematara o seus cursos de torneiro naquela academia da capital e estaba á procura dun emprego estábel para axudar na casa. Un veciño da pensión, un viaxante do Levante moi mullereiro, faloulle duns talleres na súa cidade onde traballaba un curmán seu que estaban precisando persoal especializado. Non o pensou moito, mesmo fixo a metade da viaxe co fulano, escoitando recomendacións de fondas baratas e outros garitos naquela nova cidade. O mundo abríase nunha baralla insólita, infinita, e el quería estar alí, no medio do tremor, no medio dos días facéndose en si mesmos, avantando neles.

.


Mais todo bulía xa como un avispeiro perigoso na cidade aquela…por horas medraba unha tensión cega e en varias ocasións mesmo dubidou do que estaba facendo. Pero, que podía acontecer? Eran os compañeiros outra vez a falar da esperanza, eran rapazas bonitas con pucha e palabras firmes, incendiarias...eran bandeirolas nas prazas, cancións a fío, noites de pándega e poemas nas tabernas. E alí vería estourar a Guerra. Alistouse a unha columna anarquista porque a moza pola que debecía militaba nela. Non era pouco. No marasmo dos días máis espesos do confronto, ela desapareceu sen dar sinal algún e entón foi cando decidiu fuxir a Barcelona, lonxe do desconcerto e a dor, das bombas, dos horrores. Achou unha cidade alucinada, dunha vitalidade malsá...nun pulo de sorte, cando a capitulación era cousa apenas xa de semanas, deu cuns tipos que o deixaron a uns quilómetros da fronteira...pagáralles co que, por primeira vez na súa vida, roubara. Como un animal encanallado, durmiu en refuxios de portos de montaña, rillando en códeas de pan duro e en frebas de touciño rancio. Deu tombos por cuadrillas de traballo, como peón, como xornaleiro, xunto con outros exilados, a carón de antigos lexionarios e exconvictos de mirada esguía. E pouco tempo despois, cando tentaba refacer as pezas fanadas da súa vida clandestina, nunha pensión suxa de Marsella soubo que a Guerra abrira outra fenda nas entrañas de Europa. Tamén nesa arriscaríao todo.

.


Aos poucos situábase máis alá do frío e o tremor naquela noite de naufraxio; contodo, quería atinxir aínda o seu mar, as ondas rebuldeiras e calmas da baía, botar de canto os seixos contra a tona calmiza daquel mar e conseguir que desen cinco, seis, até sete ou oito chimpos rápidos...cómo lle prestaba a preguiza do mediodía na praia, o cheiro vivo das sardiñas grelladas baixo o emparrado, na casiña branca dos seus tíos, as risadas das mozas no baile da noite, os fogos do folión...A Marek baleirábaselle a vida no xergón de enriba, coitado, se cadra envenenárase con aquela observación de pedernal contra a que xa avisaban as vellas da súa aldea. A el non, a el non lle podía acontecer nada, aquilo só era frío, sempre se coidara de non pousar a mirada nos óculos tintados do terríbel Obersturmführer, de picar sen pausa no pedregullo, de esquecer as chagas que lle trababan os membros como farpas de fósforo...por iso, aquilo só era frío, colléralle o frío, como dicía a madriña, iso era todo., mais con aquel ponche quente de leite e ovo todo sanaba, só tiña que dormir ben tapado polo agocho dos cobertores e botar a febre suando...dormiría tanto que sentiría logo febleza no corpo todo e acordaría coa luz clara do novo día a perfillar siluetas contra as rendas das cortinas...cómo lle prestaba entón fechar os ollos e intuir a orixe daquelas voces que ecoaban desde o patio, sentir os pasos suaves da irmá maior a traerlle o pratiño de caldo limpo e a pavía fresca...non, nada lle podía acontecer, só era frío e devagar el xa estaba máis alá do frío porque agora estaba entrando na boca da ría, bogando na “Aurora”, na dorna do seu tío, que ía farta e brillante de camarón, de lula, de martiños, que ía tan farta que se cadra podería mesmo afundir antes de chegar á outra banda...escoitaba agora dos beizos de Marek aquela ladaíña, de novo aquel rezo nunha lingua rara e fermosa que non era a da misa do domingo, a mesma pregaria que compartillaran axeonllados cinco homes de nacións diferentes (tres gregos de Thesalónica, o estudante húngaro e un señor moi alto que dicía ter sido actor en Berlín), antes dun mallar de culatas e varios tiros de graza do Obersturmführer, como cuspes negros, dar cabo de vez do seu alento humillado. Fixéranlles presenciar toda aquela encenación obscena da execución, escoitar logo as advertencias histéricas do oficial que descobrira os homes tentando fuxir, recoller a masa dos corpos desfigurados.

.


Xa non quedaba moito para chegar á bocana da ría, pero o mar estaba a virar moi picado, cunha marexada traicioneira...tiñan que bulir, remontar os cons e atinxir a outra banda, o ceu cubrírase de cores aceiradas e zoaba un vento que non era de verán...comezara a chviñar e a dorna semellaba non dar termado xa co peso dos canastos a rebordar de peixe fresco... tiveron medo, polo ceu cruzaban perdidas aves grasnando e a serea dun barco pequeneiro resoprou ao lonxe como un presaxio...ou sería a voz de Marek? Ésta convertérase nun asobío rouco, perdido nas tábuas de enriba...xa non daba apalpado nada co frío que lle entrara no sámago do corpo...a mamá tería un tazón de sopa recén feita para eles, poríase ben contenta por aquela xornada tan boa...había que alcanzar a praia como fose...tiveron medo...o volume da dorna alastrábase ferida entre aquelas ondas bravas...só era frío, frío e un mar alleo de lamentos, a nave terminal, sen anxo, dos barracóns...rompera a chover con máis forza e as batidas do mar mantíñaos anicados co medo...e entón souberon que non chegarían nunca á outra beira...cunha certeza ameazante, definitiva, souberon que aquela tarde non chegarían á marxe da costa...e perdido, perdido nese frío, decatouse ao fin, como nunha iluminación tremente, que a súa voz se afundiría tamén coa do mozo Marek, que ningún dos dous chegaría ao perfil gañado doutros días, doutros abrentes...porque, se cadra, naquela noite non loitaban pola vida nos lombos feros do mar de Noia, porque se cadra aquilo chamábase en verdade Gusen-Mauthausen e o mar desde esa banda non era máis ca un país descoñecido e morto.

.


Coda:

Entre 1940 e 1945 perto de douscentos exilados galegos foron deportados desde Francia a campos concentracionarios nazis: Dachau, Bergen-Belsen, Mauthausen...foi sobre todo neste último e nos seus anexos de Hartheim e Gusen onde pereceron máis da metade deles.Estímase que, entre xaneiro do 41 e marzo do 42, uns setenta e seis destes cidadáns foron directamente asasinados por diferentes métodos, naquela imensa industria nazi de eliminación; así por exemplo, dezaoito deles foron gaseados no campo satélite de Hartheim antes citado.A biografía resumida neste relato breve, ainda que ficticia, quixera testemuñar como recordatorio necesario a noite dun prisioneiro calquera sen nome, a súa ensoñación última do mar, noite e ensoñación que ben puideron ser, talvez, as dalgún daqueles outros galegos devorados polo deserto negro e real dos KZ.

.


Carlos Penela é escritor (Vigo 1975). Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela-USC. Reside en Viena. Obtivo o Premio Espiral Maior de Poesía (1997), o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón (2000) o Premio Esquío de poesía (2004). En 2007 gaña o Premio de Poesía Caixanova-Pen Clube coa obra "Sombras, rosas, sombras". Carlos Penela é socio de AGAI.

.

Relato publicado no libro colectivo:

Mañá de Sábado (relatos para Noia)

Edit. Toxosoutos, Noia, 2008

ISBN 13: 978 – 84–96673-61-8

terça-feira, 14 de abril de 2009

Seminario n´ A Coruña


Seminario en A Coruña

A herdanza de Shoah. A propósito da cuestión humana

Abril de 2009

A mecánica utilizada pola Alemaña nazi para levar a cabo o exterminio do pobo xudeu xerou múltiples metáforas. Desde unha perspectiva histórica esa foi a ferida que marcou a memoria do noso presente e sinalou os límites do pensamento xurdido na modernidade. No terreo da evolución das artes, a máxima de Theodor Adorno de “cómo se pode realizar poesía despois de Auschwitz” non deixou de resoar na conciencia da creación. A Shoah converteuse tamén nunha especie de horizonte do pasado que non fixo máis que alterar e quebrar o noso presente. O seminario A herdanza da Shoah. A propósito de “La cuestión humana” proponse examinar de que maneira a mecánica establecida pola Alemaña nazi nos campos de exterminio afectou á relación do mundo contemporáneo a partir de tres vectores claves como son a industria, a linguaxe e as imaxes. Que revelan da mecánica existente nos campos de extermino algúns sistemas de produción industrial contemporánea? Ate que punto determinados xiros da linguaxe non fan máis que reflectir a perversión de significados da palabra establecidos nos campos? De que maneira a Shoah non fai máis que xerar un debate entre o acto de amosar e o de non amosar que afecta aos múltiples réximes de mostración da violencia da nosa sociedade contemporánea? Todas estas cuestións encontran o seu eco de resonancia na película de Nicolas Klotz, La cuestión humana (La question humaine, 2007), o terceiro opus da súa triloxía Tiempos modernos —da que forman parte Paria (2000) e La blessure (2005). A partir dos múltiples terreos explorados por esta obra complexa, o seminario intentará tecer unha ponte entre o noso presente, a memoria do infame e as súas formas de representación cinematográfica.

Dirección do seminario: Ángel Quintana (Universitat de Girona)

Organiza: Centro Galego de Artes da Imaxe, en colaboración con Alliance Française (A Coruña) e Ambassade de France en Espagne-Service Culturel (Madrid).

Programa

10:00 h. Presentación do seminario

10:15 h. As palabras e os feitos (A industria capitalista e a Shoah) Miguel Morey (Catedrático de Filosofía. Universidade de Barcelona. Premio Anagrama de Ensaio por El deseo de ser piel roja)

11:15 h. Reflexións sobre a elaboración literaria da Shoah Adán Kovacsics (Ensaísta e tradutor. Autor de Guerra y lenguaje)

12:15 h. h. Pausa

12:45 h. Formas da abxección coa Shoah como motivo: De La vida es bella a El niño del pijama de rayas. Ángel Quintana (Universitat de Girona. Cahiers du cinéma/España)

14:00 h. h. Descanso

17:00 h. A ausencia filmada Santos Zunzunegi (Catedrático de Comunicación Audiovisual. Universidade do País Vasco)

18:00 h. O ataque do presente sobre o resto dos tempos. Como presentar o horror sen representar o horror Santiago Filloll (Universitat Pompeu Fabra de Barcelona. Codirector de Ich Bin Enric Marco)

19:00 h. h. Pausa

19:30 h. Coloquio con: Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, director e guionista de La cuestión humana.

Proxeccións

20 de abril

20:30 h. Paria (2000) Presentación: Nicolas Klotz (director) e Elisabeth Perceval (guionista)

21 de abril

20:30 h. La blessure (2005) Presentación: Nicolas Klotz (director) e Elisabeth Perceval (guionista)

23 de abril

20:30 h. La cuestión humana (2007) Presentación: Nicolas Klotz (director) e Elisabeth Perceval (guionista)

24 de abril

21:30 h. Jeunesse d’Hamlet (Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, 2007) La consolation (Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, 2007) Les Amants Cinéma (Héléna Klotz, 2006) Presentación: Nicolas Klotz (director) e Elisabeth Perceval (guionista)

O seminario terá lugar no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)
Rúa Durán Loriga, 10 baixo - 15003 A Coruña

Teléfono 881 881 271 - info@cgai.org
Prezo: Gratuíto, previa inscrición
Prazo límite para a matrícula: Ate o día 22 de abril de 2009 (inclusive)

Para inscrición PICA AQUI