segunda-feira, 28 de janeiro de 2008

O castiñeiro de Ana Frank. Por Manuel M.Barreiro



.
Acordaron talar o castiñeiro co que Ana Franck medía os días e o avance das súas esperanzas. Unha doenza roe imparábel a vedraña árbore. A inevitabilidade da tala é consecuencia do desleixo, se a árbore tivese a mesma importancia para as autoridades de Amsterdam que tivo para a cativa Ana, o castiñeiro sería, desde hai décadas, obxecto de agarimosos coidados para protexelo das pragas e das agresións da contaminación. Coidado como un monumento á memoría tería aínda máis longa vida.Escribo da árbore cando tiña que estar expresando a miña máis radical disconformidade co expediente de expulsión que o BNG da comarca de Vigo incoa a Pedro Gómez-Valadés, militante nacionalista e presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel.
.
Se o BNG coidase agarimosamente da súa pluralidade con toda certeza nunca se tería iniciado este proceso cangado de sobrado dogmatismo inquisitorial. Adianto que sinto escasas simpatías históricas polos gobernos de Israel e menos aínda polas súas políticas nos territorios ocupados. Agradezo, con todo, que haxa unha asociación galega que nos achegue contraste de opinións e que o faga coa vontade ademais de contribuír á procura dunha saída pacífica, negociada e perdurábel que recoñeza tanto a existencia e dereitos do Estado de Israel como os dereitos e existencia dun Estado palestino. Veríalle nula utilidade a calquera asociación que se dedique a xustificar os desmandos de Israel e que aplaudise, sob pretexto da súa seguridade nacional, a vulneración dos dereitos humanos ou o militarismo expansionista. Até onde sigo o seu labor, apaixonamentos e quenturas tácticas á parte, AGAI pertence á caste de asociacións democráticas e útiles. Digo máis, para min constitúe un motivo de tranquilidade que o seu presidente sexa un militante do BNG, a quen teño por persoa respetuosa coas liberdades e os dereitos dos pobos, de todos os pobos, comezando polo seu.
.
O BNG vigués nunca debería aberto este proceso disciplinario que, lonxe de achegar calquera claridade ideolóxica, embafa moi ao contrario a credibilidade democrática da fronte nacionalista. Faille máis mal a intentona depuradora que a mantenza mesmo dunha discrepancia interna sobre AGAI, o seu presidente e as súas posicións políticas amigábeis co Estado hebreo. Non é o «antiimperialismo» do BNG o que está posto en cuestión, é a súa capacidade de conducir un debate de ideas sen mordazas, corsés ideolóxicos e imposicións de partida. Non é o pluralismo, senón a inconsistencia das posicións políticas do BNG sobre o que acontece no mundo o que dana a súa fondura democrática. Teño unha confianza. ás veces excesivamente ilusa, sobre a intelixencia colectiva das organizacións e confío en que non se adoite decisión ningunha que prive a Pedro Gómez Valadés dos seus dereitos, do seu fundamental dereito a defender libremente as súas ideas na sociedade galega e no BNG. Quero poder contar coa súa liberdade de decir e debater; se non considero atinadas as súas posicións políticas retrucareillas con tanta paixón como razóns atope, coa mesma forza coa que agora lle achego a miña solidariedade e o meu apoio.
.
Se tivesen prestado maior atención á importancia que o castiñeiro tiña para Ana, compridamente coidado, hoxe non habería que talalo. O desleixo democrático apodrece ás organizacións, moito máis se non sei coida delas cun debate plural, tolerante e construtivo e se estigmatizan as posicións menos compartidas. A pluralidade é un sinal da viveza e a intelixencia colectiva das organizacións, unha condición irrenunciábel da súa democracia. Baixo unha árbore morta ninguén procura abeiro. Baixo unha organización que descoida a súa plural liberdade, tampouco.