sexta-feira, 3 de setembro de 2010

O son do Holocausto


A orquestra formada por 16 violíns pertencentes a xudeus vítimas do nazismo sae de Israel nunha xira europea
Por Rodrigo Carrizo
Sion - 21/08/2010
.
Para o oínte desprevido podería parecer unha orquestra como tantas outras. Pero non o é. Estes mozos que interpretan obras de Vivaldi non tocan calquera violín, senón instrumentos que foron testemuñas mudas do Holocausto. Violíns que pertenceron a homes e mulleres asasinados nos campos de exterminio nazis. Un deles serviu mesmo para distraer ás vítimas que desfilaban cara aos traballos forzados ou as cámaras de gas. "Baixo o sol, a choiva ou a neve", explica Amnon Weinstein, un luthier israelí, iniciador do proxecto bautizado como "Os violíns da esperanza". Neste a súa viaxe á memoria acompáñalle un dos mellores instrumentistas da súa xeración: o israelí Shlomo Mintz. Ambos recalaron na Suíza francesa grazas a unha iniciativa do Festival Internacional de Música de Sion. Trátase da primeira xira desta orquestra formada por de 16 instrumentos únicos: Nunca abandonara Israel e, segundo anuncia Mintz, unha das etapas da xira será en xaneiro de 2011 en Madrid.
.
A historia desta orquestra comeza en realidade en 1936, cando o músico polaco Bronislaw Huberman, preocupado polo extremismo político en Europa, decidiu emigrar a Xerusalén. Desde alí convocou á crema dos instrumentistas xudeus do seu tempo para fundar unha orquestra. A formación recibiu o nome de Orquestra de Palestina e o seu primeiro director foi Arturo Toscanini. Hoxe é coñecida como Orquestra Filarmónica de Israel e está baixo a batuta de Zubin Mehta. "Moitos daqueles músicos que chegaron a Israel despois de 1945, levaban violíns alemáns. Como ninguén quería obxectos fabricados en Alemaña, nalgúns casos foron queimados e noutros vendidos", explica Amnon Weinstein. O seu pai comezou a comprar eses instrumentos procedentes de sobreviventes do Holocausto para crear unha colección. "Unha sabia decisión", valora o fillo, "pois estes violíns poden transmitir co seu son a experiencia do que pasaron. Moi en particular agora, cando as últimas testemuñas directas desaparecen".
.
A peripecia destes instrumentos está a ser filmada para a posteridade nun documental no que participa Shlomo Mintz. O músico tocou o seu violín ante o barracón de Auschwitz-Birkenau onde estivo interna até a súa morte o 4 de abril de 1944, Alma Rosé, sobriña de Gustav Mahler. Rosé era a directora da orquestra de mulleres do campo da morte.