segunda-feira, 16 de fevereiro de 2009

O bebé que sobreviviu ao gas


Cámara de gas, David Olère, supervivinte de Auschwitz.(do libro The Eyes of a Witness)

Extracto do libro "Sonderkommando", de Shlomo Venezia:

Béatrice Prasquier - Que sucedía nos fornos crematorios de Auschwitz, coas cinzas despois dos corpos seren queimados?
Shlomo Venezia -
As cinzas debían ser eliminadas para non deixar ningún vestixio. Na verdade, quere nos fornos quere nas valas comúns algúns osos, como os da conca, queimaban mal. Era por iso que os osos máis longos debían ser retirados e esmagados separadamente, antes de seren mesturados coas cinzas. Estas, unha vez trituradas, eran transportadas nun carro. Un camión viña recollelas regularmente para que fosen deitadas ao río. Cheguei a substituír un dos homes responsábeis por trituraren as cinzas. Iso permitíame coller un pouco de aire e saír da atmósfera sofocante e fétida do Crematorio.
Béatrice Prasquier - Que vían cando os deportados chegaban á cámaras de gas?
Shlomo Venezia -
A morte das persoas que ían para a cámara de gas era todo menos unha morte pacífica. É de tal modo violento e triste que teño dificultade en falar destas visións da cámara de gas. Podiamos encontrar persoas con ollos saídos das órbitas debido ao esforzo feito polo organismo. Outras con sangue por todos lados ou sucias polos seus propios excrementos. Todas as persoas agonizaban e sufrían terribelmente na cámara. Non pense que o gas era lanzado e morrían automaticamente. Non. Era un proceso que podía demorar máis de dez minutos, nos cales as persoas procuraban desesperadamente un pouco de ar - homes, mulleres e nenos. Un proceso de asasinato de tipo industrial que matou a millóns de persoas. Na miña opinión, non podo garantilo, mais penso que moitas persoas morrían mesmo antes do gas ser lanzado. Estaban de tal modo apertadas unhas contra outras e co pánico, que os máis pequenos, os máis débiles, afogábanse. A imaxe que viamos ao abrir a porta despois de gasealos era atroz, non é posíbel imaxinar o que era aquilo. Pensabamos que era imposíbel que alguén sobrevivira ao gas mortífero, mais un día, ao abrir a porta da cámara, encontramos un bebé vivo! Sobreviviu porque estaba agarrado ao peito da súa nai no momento do lanzamento do gas, e o efecto de succción permitiulle non inalar o veleno. Non é preciso dicir que un oficial SS, así que viu o pequeno vivo e chorando, sacou a pistola e matouno, a sangue frío, cun tiro na caluga. Os primeiros días, a pesar da fame que me atormentaba, tiña dificultade en tocar o anaco de pan que recibiamos. O fedor persistía nas miñas mans, sentíame sucio coa morte. Co tempo, tiven de me habituar a todo, como instinto de supervivencia. Torneime nun autómata sen capacidade de raciocinio