domingo, 15 de março de 2009

David Galante


www.Tu.tv

A Solución Final

Republicanos nos campos nazis

Cousas que non se entenden. Por Marcos Valcárcel


Por Marcos Valcarcel
.
Debuxar os príncipes de Asturias na portada dunha revista de humor e sátira é neste país perseguible de oficio e obxecto de multa. En cambio, negar o xenocidio e o Holocausto entra nas marxes da liberdade de expresión, seica. Así o afirma o Tribunal Constitucional. Por favor, se hai algún xurista libre, que mo explique cando poida.
.
E para rematala, hai uns días, en Tele 5 (La Noria), o ínclito Jordi González dálles voz a tres representantes de grupos fascistas (Democracia Nacional, España 2000, Movimiento Católico Español) para que defendan con arrogancia as súas teses xenófobas e racistas.
.
Personaxes que defenden correntes violentas e que non representan a ninguén, polo que acertaron Esteban Ibarra e Pilar Rahola cando se negaron a debater con eles. Tres fascistas que se retratan a si mesmos: o de España 2000 confesou que era o avogado de Anela, asociación que axunta os clubs de alterne de España; suponse que as inmigrantes explotadas nos mesmos, disque a inmensa maioría das prostitutas en España, quedan fóra deste discurso xenófobo, non?
Publicado en Galicia-Hoxe (21.11.2007)

Memoria da Shoáh. Por Afonso Vázquez-Monxardín


Por Afonso Vázquez-Monxardín


Hai uns días un xudeu contoume un chiste. "Dicíalle un home a outro: temos que matar todos os xudeus e todos os ciclistas. ¿E por que os ciclistas?, contestáballe o outro". ¿E por que os xudeus?, preguntábase o que mo contaba. Parecíalle fascinante, desde o punto de vista intelectual, a reprodución do antisemitismo en contextos tan distintos como a idade media, o réxime nazi ou o estalinismo. Incluso nestes tempos de hoxe, nos que o terrorismo de raíz islamita voou tres tristes trens en Madrid, meteu bombas no metro de Londres, destruíu as Torres Xemelgas, e se desenvolve en cinco continentes entremedias de máis de mil millóns de musulmáns, a maioría pacífica pero sobre a que exerce sedución o radicalismo, o problema e obxecto de animadversión da prensa occidental -e logo pois de boa parte da opinión pública- son os 5,3 millóns de xudeus que viven en Israel, xunto co millón longo de árabes con cidadanía israelí que non marcharon en 1948.
.
Sabemos que entre os anos 1939 e 45 o pobo xudeu padeceu unha catástrofe -shoáh en hebreu- na que morreron seis millóns deles, un terzo da súa poboación mundial total. Dos sefarditas, case o 90 por cento; moitos deles de orixe galega, como as familias Castro ou Lemos de Hamburgo, os Pardo de Salónica, os Pereira de Amsterdam, Edirne ou Saraxevo. Pero a orixe tanto ten.
.
En 2005 a ONU escolleu o 27 de xaneiro como Día internacional en memoria das vítimas do Holocausto con motivo de cumprirse o 60 aniversario da chegada das tropas rusas ao campo de exterminio de Auswichtz. Daquela o mundo púxolle caras esfamiadas a unha traxedia sabida desde había tempo nas chancelerías occidentais e orientais. A pregunta, de por que non bombardearon as vías de tren que conducían aos campos ou por que a Igrexa calou durante o exterminio permanecerán sen resposta. Se cadra é mellor pensar só no futuro. Pero en calquera caso é bo lembrar esta data para facer caso á ONU e para volver os ollos á realidade de que o antisemitismo aniña das conciencias, sobre todo, dos extremos políticos, dereita e esquerda, nunha distinción imposible.
.
En Teherán hai uns meses xuntáronse os negacionistas de todo tipo que insultan a memoria dos sobrevivientes afirmando que minten, que nada do que din é certo. En recordo do Holocausto e contra esta inmensa falacia as institucións políticas sensibles fan actos e declaracións este día. Mágoa que en Galicia a actitude do BNG ao querer mesturar o complexo conflito territorial de hoxe co asasinato masivo nazi, imposibilitase a declaración institucional unitaria da mesa do Parlamento Galego. Os que impediron a lembranza dos mortos nos campos nazis califícanse sós. Eu non o farei.