sexta-feira, 23 de janeiro de 2009

Entrevista con Rudolf Höss


Por Luciano Álvarez

8 de abril 1946, León Goldenshon, un médico psiquiatra norteamericano, entrou a un dos cuartos do pavillón C da prisión de Nuremberg. Agardáballe un home de 46 anos, pelo escuro, ningún sinal particular. Non obstante a súa manifesta educación, recibiuno sentado, cos dous pés dentro dunha tina de auga fría.
-"Tiven unhas queimaduras como consecuencia de que os británicos, cando me capturaron me atoparon medio espido e o único que fixeron foi botarme unha manta enriba e levarme ao cárcere; non me deron calcetíns nin zapatos", foron as súas primeiras palabras, a modo de explicación e queixa.
-Ter os pés en auga fría aliviame a dor, concluíu
O home que así se manifesta chámase Rudolf Höss.
-Cal era o seu cargo oficial?, pregúntalle o Dr. Goldenshon
-Eu fun comandante en xefe de Auschwitz-Birkenau, durante catro anos.
-Cantas persoas foron executadas en Auschwitz durante ese tempo?
-O número exacto é difícil determinalo. Eu calculo que arredor dun millón e medio de xudeus.
-E iso que lle parece?
Rudolf Höss non contesta. Leon Goldenshon repite a pregunta.
-Eu recibía ordes persoais de Himmler, responde impávido e indiferente, cos seus pés na tina, mentres se frota as mans para entrar en calor. Rudolf Höss nacera en 1900 en Baden-Baden, dunha familia católica, aínda que tempranamente o mozo Rudolf abandonou a fe da súa familia, coa que -por outra parte- pronto rompería todo vínculo. Estudante mediocre, a Primeira Guerra Mundial foi, como para moitos outros aventureiros, unha oportunidade. Apenas cumpridos os 15 anos alistouse voluntario, na fronte turco. Cando terminou a guerra, o agora sarxento de infantería desocupado Rudolf Höss, mantívose fiel ao oficio da violencia e converteuse ao nacionalsocialismo. En 1923 foi condenado a dez anos, con traballos forzados, polo asasinato do dirixente comunista Walter Kadow. Pero só cumpriu cinco. Durante este encarceramento Höss converteuse en experto coñecedor da psicoloxía dos presos. Desta experiencia veulle a idea demaquillar as cámaras de gas como duchas para que o asasinato se produza sen rebelión por parte dos condenados. En 1934 descubriu un oficio para o que estaba particularmente dotado: a administración de campos de concentración. Comezou en Dachau e foi ascendendo ate ser nomeado en maio de 1940 Comandante de Auschwitz-Birkenau, un novo campo de concentración, situado nunha pequena localidade do Sur de Polonia, a 60 quilómetros de Cracovia, na Alta Silesia. Cando Höss chegou a Auschwitz, todo o que había no lugar eran uns barracóns semiabandonados que databan da época austrohúngara. A poboación dos sete pobos próximos ao campo foi evacuada e cos trinta primeiros presos comezou a construción dun campo modelo. Logo fixo inscribir sobre a porta principal a lenda "Arbeit macht frei" (O traballo libera). Orixinalmente Auschwitz foi pensado como un campo de traballos forzados, unha sorte de sinistro polígono industrial. Höss traballou eficientemente e axiña houbo decenas de subcampos destinados a albergar instalacións industriais, que se beneficiaban do traballo escravo. Edificáronse grandes talleres, desecáronse zonas pantanosas e construíronse explotacións agrícolas modelo. Auschwitz-Birkenau cubría a impresionante superficie de 5.000 hectáreas. Höss, felizmente casado, con cinco fillos, cuxas idades ian dos dous aos quince anos, instalouse con toda a súa familia nunha casa situada xusto diante do campo de Auschwitz. O laborioso comandante arranxouna, fixo un xardín arredor e ampliouna ate dez habitacións, non luxosas, pero confortables. O modesto sono dun administrador de éxito. Un día Höss foi chamado por Heinrich Himmler, o seu superior inmediato quen lle comunicou que o Führer ordenara a solución final do problema xudeu. Polo tanto, encomendoulle a proposta de ideas e plans precisos para efectivizar o programa de exterminio en Auschwitz.
-"Este é un traballo duro, pero hai que facelo", díxolle Himmler. Höss, xustificaríase.
-Que fose necesario ou non ese exterminio en masa dos xudeus, a min non me correspondía poñelo en tea de xuízo, quedaba fóra das miñas atribucións. Se era oede do mesmísimo Führer, non correspondía a un nacionalsocialista de toda a vida coma min, e moito menos a un Führer das SS, poñelo en dúbida".
Auschwitz-Birkenau, converteuse no compromiso exacto entre xenocidio, traballo e pseudoinvestigación científica. Nese marco, na primavera de 1943, foi destinado a Auschwitz un mozo doutor de Baviera: Josef Mengele. Obsesionado coa bioloxía hereditaria, Mengele apostábase, elegantemente vestido, á chegada dos trens e, coa súa fusta, seleccionaba nenos para realizar todo tipo de experimentos. Na súa segunda entrevista co Dr. Goldenshon, o 9 de abril de 1946, Höss contaría con luxo de detalles a súa actividade nas tarefas de exterminio coa mesma precisión e frialdade con que o faría o xerente dun frigorífico que debe cubrir cotas de exportación. A Höss importáballe a eficiencia. En Auschwitz instalouse a primeira cámara de gas; e foi o primeiro campo en empregar o gas Zyklon B. Hoss estaba en todos os detalles; por iso a súa vida resumíase na recorrida expresión "de casa ao traballo e do traballo a casa". Incluso confesou o seu esgotamento nervioso por exceso de traballo.
-O último ano que estiven en Auschwitz traballaba demasiado. O exterminio era só unha pequena parte das miñas responsabilidades. Todas as noites soaba o teléfono para convocarme a algún sitio. A miña esposa queixábase a miúdo de que pasaba moi pouco tempo coa miña familia e de que só vivía para o traballo.
-A súa esposa coñecía os detalles do seu traballo? Pregúntalle o Dr.Goldenshon.
-Só a partir de 1942. Ao principio pareceulle cruel e terríbel. Pero eu expliqueillo do mesmo modo que Himmler mo explicara a min. Entón ficou satisfeita e non volvemos a falar do tema.
O Doutor Goldenshon pregúntalle:
-Na súa opinión, Vostede é un sádico? Höss responde con convicción:
-Non, nunca lle peguei a un interno, en todo o tempo no que fun comandante.
-Ten pesadelos algunha vez?
-Nunca.
-Lamenta algo?
-Lamentarse é cousa de nenos. Pero se hai algo que me lamento é non ter pasado máis tempo coa miña familia. En abril de 1947, Rudolf Höss, o eficiente comandante en xefe de Auschwitz-Birkenau, foi condenado á forca e executado diante da entrada do crematorio do antigo campo de exterminio.
A detallada entrevista foi publicada polo Leon Goldensohn, nas "Conversacións de Nüremberg", editado en español como "As entrevistas de Nüremberg" pola Editorial Taurus-Santillana

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.